CAPITAL CULTURAL

O festival Feito á Man 2023 encherá de música ao vivo as rúas e prazas da cidade vella compostelá

01/08/2023 A XX edición do festival Feito á Man de Santiago de Compostela, que encherá de música ao vivo as rúas e prazas da cidade vella, celebrarase do 3 ao 24 de agosto e contará con máis de corenta propostas artísticas de diferentes estilos musicais.

Na rolda de prensa de presentación, que tivo lugar esta mañá no Pazo de Raxoi, o presidente da Asociación Cultural Cidade Vella, Suso Pais, e a directora do festival, Ánxeles Porto, deron conta da programación da edición deste ano da man de Míriam Louzao, concelleira de Capital Cultural, Turismo, Educación e Memoria Histórica do Concello de Santiago de Compostela, e Natividad de Jesús González, deputada de Cultura, Igualdade, Lingua e Dereitos Civís da Deputación da Coruña.

O festival está organizado pola Asociación Cultural Cidade Vella que, desde 1987, reúne establecementos de hostalaría da zona vella compostelá cun claro compromiso coa cultura e coa cidade. É posible grazas ao apoio do Concello de Santiago de Compostela e a Deputación da Coruña e conta, ademais, con diferentes empresas coas que vén colaborando nos últimos anos como Estrella Galicia, Petroni, Casa de xantar O Dezaseis, Tórculo ou Froq; e tamén novas colaboracións con empresas como Pepsi e Vincusys.

Baixo o lema "20 anos regando a creatividade e o talento", o festival celebra o seu 20 aniversario con máis de corenta proposta musicais de moi diversos estilos. A praza de Feixóo, a rúa de Santo Agostiño, a praza dos Gatos, a Vía Sacra ou San Paio de Antealtares son algúns dos dezaseis espazos da cidade histórica nos que se poderá gozar de música ao vivo.

A programación contará con recoñecidas propostas como Kin García Quinteto, novas formacións como Maricarme, ou propostas artísticas chegadas doutros países como Luiz Caracol (Portugal), Moyah (Mozambique-Portugal) ou Nación Ekeko (Arxentina). Un dos sinais de identidade do festival é a diversidade que acolle a nivel de estilos musicais. Así, poderase gozar de propostas que van dende o jazz ata o trip-hop, pasando polo funk, o blues ou o folk.

Como cada ano, un dos espazos do festival convértese en espazo central onde todos os establecementos organizadores se xuntan para ofrecer unha programación conxunta. Nesta ocasión o escenario central será o da praza de Mazarelos que, a partir deste ano, pasará a chamarse escenario NARF en homenaxe a Fran Pérez Narf, gran amigo do festival falecido en 2016.

O Feito á man dará comezo o día 3 de agosto na rúa Xelmírez co grupo Maricarme e rematará o día 24 de agosto na praza de San Martiño Pinario co grupo Grampoder.

A programación completa pódese consultar na web do festival: festivalfeitoaman.gal.

O festival Feito á Man

Feito á Man é un festival de rúa que nace no ano 2003 e que está organizado pola Asociación Cultural Cidade Vella nos espazos singulares da cidade de Santiago de Compostela.

Durante o mes de agosto, Feito a man deseña e pon en escena un ciclo continuado de actuacións no que caben actividades artísticas de diverso xénero: Música, Cabaret, Instalacións, Performance, Teatro, Dj´s… Un festival de diversidade. Un fenómeno espacial onde interactúan os suxeitos dunha colectividade a través da creación.

Un dos obxectivos fundamentais do festival Feito a Man é dar a coñecer e difundir a capacidade creativa da cidade e o potencial da cidade vella como entorno excepcional para o seu posicionamento e visibilización. Así mesmo, tamén se busca a implicación activa na dinamización cultural de Compostela e o compromiso coas manifestacións artísticas máis diversas, servindo como plataforma e vínculo entre os universos creativos e as xentes que habitan as rúas da cidade.

Os escenarios de Feito a Man son as rúas e prazas da cidade histórica de Compostela que se converten nun marco singular para deixar o protagonismo ao artista, o espectador, o espazo e as sinerxías que entre eles se producen.

A Asociación Cultural Cidade Vella

A Asociación Cultural Cidade Vella é unha asociación que reúne, desde 1987, establecementos de hostalaría da zona vella compostelá cun claro compromiso coa cultura e coa cidade. A aposta pola singularidade, a diversidade, a creatividade, polo propio e polo alleo, pola xente e pola festa, son os ingredientes recollidos paseniño ao longo destes anos.

A AC Cidade Vella aposta por unha cultura sostible para facer do talento creativo da cidade motor de transformación. Aposta por unha cidade viva para gozar de experiencias singulares e participativas nun entorno único. Ten vontade transformadora para facer da cidade vella un lugar de vida singular, un lugar único no que asentar novas posibilidades de desenvolvemento baseadas na vitalidade social, económica e cultural. A Asociación Cultural Cidade Vella fai un traballo singular: unha hostalaría próxima, creativa, honesta e profesional.

Os establecementos que conforman actualmente a Asociación Cultural Cidade Vella e que, polo tanto, son organizadores do festival Feito á Man son: A Reixa, Embora, Xuntanza, Modus Vivendi, O Galo d’ouro, Borriquita de Belém, Paraíso perdido, A Gramola, A Casa das Crechas, Literarios, Atlántico, Camalea, Chocolate, Lucille, Momo… a Rúa e O Pozo.

Direcciones relacionadas



Compartir: