FESTAS

Recepción no Pazo de Raxoi ao delegado rexio na Ofrenda ao Apóstolo Santiago

25/07/2023 Como cada 25 de xullo, a capital de Galicia acolleu o acto de celebración da Ofrenda ao Apóstolo Santiago, cuxo delegado rexio foi, neste 2023, o presidente da Xunta, Alfonso Rueda. Finalizada a cerimonia relixiosa na Catedral, a comitiva oficial foi recibida no Pazo de Raxoi pola alcaldesa, Goretti Sanmartín, e boa parte da Corporación Municipal.

O delegado rexio, Alfonso Rueda, asinou no Libro de Honra do Concello de Santiago e pronunciou unhas verbas de agradecemento no Salón Vermello. A alcaldesa da cidade, Goretti Sanmartín, deu a benvida a todos os asistentes na "casa de todo o pobo compostelán" e de "todos os galegos e todas as galegas".

Na recepción estiveron presentes representantes de todos os grupos municipais, e autoridades como o xefe da Oposición, Alberto Núñez Feijóo; o presidente do Parlamento, Miguel Santalices; o delegado do Goberno en Galicia, Pedro Blanco; o xeneral de Mando de Apoio á Maniobra, Juan Francisco Arrazola Martínez; así como varios conselleiros e outras autoridades.

Actos protocolarios

Antes da cerimonia relixiosa, o delegado rexio pasou revista ás tropas na praza do Obradoiro. Finalizada a revista, o delegado despediu a bandeira e ás tropas, e dirixiuse cara ás autoridades civís presentes na praza para saudalas. Tras este saúdo produciuse o encontro entre a procesión civil e a eclesiástica no centro da praza e o saúdo co arcebispo de Santiago, Francisco Prieto, antes do comezo da cerimonia relixiosa e a ofrenda ao Apóstolo Santiago.

Compartir: