FESTAS

O Concello de Santiago festexa o 25 de xullo coa celebración da primeira edición de Alba de Compostela

25/07/2023 Con motivo do día de Santiago, o Concello rendeu homenaxe esta mañá a "persoas e colectivos que desde o abrente ao solpor, cada día, fan que este concello camiñe cara a adiante", como sinalou a alcaldesa no seu discurso. Daniel Lorenzo Santos director da Fundación Catedral de Santiago; os equipos femininos do Hóckey Club Raxoi; Mª Rosa Álvarez Prada, decana do Colexio Oficial de Psicoloxía de Galicia e directora técnica do Plan Socio-Comunitario de Vite; e Ánxeles González Porto, propietaria do pub Borriquita de Belém e membro da Asociación Cultural Cidade Vella, recibiron este recoñecemento de man da rexedora Goretti Sanmartín, que recordou no seu discurso o "Alba de Gloria" que Castelao pronunciou hai hoxe 75 anos e convidou a todo o mundo "a sumarse a esta festa, que quere ser de todos e todas as compostelás, que quere ser a celebración dunha cidade".

O Teatro Principal acolleu esta maña a primeira edición de ‘Alba de Compostela’, un acto institucional organizado polo Concello de Santiago, e cuxo nome está inspirado no discurso ‘Alba de Gloria’ que Castelao fixo en Bos Aires o mesmo día 25 de xullo, en 1948.

O acto comezou coa benvida da condutora do acto, Marga Pazos, que se encargou de ler as laudatio dos/as homenaxeados que recibiron unha peza conmemorativa da man da alcaldesa. En concreto os/as homenaxeados/as nesta primeira edición de ‘Alba de Compostela’ foron:

Daniel Lorenzo Santos, director da Fundación Catedral de Santiago, polo seu labor para achegar á cidadanía o proxecto de rehabilitación da Catedral, socializando o proceso a través dun coidado programa de visitas que pon en valor a complexidade e importancia da conservación desta obra do patrimonio histórico e cultural universal.

Os equipos femininos do Hóckey Club Raxoi, polos seus éxitos en ligas galegas e estatais, erixíndose en referentes no deporte de competición en xeral e no hóckey en particular; e pola súa contribución a difundir a aposta do club pola participación femenina na práctica do hóckey sobre patíns, na infancia e na mocidade.

María Rosa Álvarez Prazda, decana do Colexio Oficial de Psicoloxía de Galicia e directora técnica do Plan Sociocomunitario de Vite, pola súa dedicación profesional e persoal á transformación do barrio de Vite, implicando persoas e entidades nun proxecto social que as erixe como protagonistas e impulsoras do espazo veciñal, modelo de intervención sociolaboral, colaborativa e educativa.

Ángeles González Porto, propietaria do pub Borriquita de Belém e membro da Asociación Cultural Cidade Vella, polo seu labor de dinamización da zona histórica da cidade, contribuíndo a resignificar os espazos de lecer nocturno a través da experiencia cultural, e polo seu compromiso activo coa hostalería de proximidade e cunha marcada función de retorno social para a veciñanza.

Discurso da alcaldesa

A continuación, a alcaldesa Goretti Sanmartín fixo unha emotiva intervención na que recordou "a brillante, fermosísima, peza de esperanza, de futuro" que Castelao fixo "nun teatro a dez mil quilómetros, no exilio, no desterro, talvez xa sen esperanzas de regresar nunca máis" e do que hoxe se conmemora hoxe o 75 aniversario.

"No Concello de Santiago queremos hoxe conmemorar un texto, un magnífico texto. E un momento, aquel 25 de xullo de 1948, cando Castelao, en Bos Aires, nos deixou unha lección de vida, unha lección de amor á nosa historia, a quen somos e, tamén, un testamento para construírmos o futuro, con trabes sólidas, cun encofrado de ferro, para fortalecer a estrutura, que non debe caer nunca", explicou.

Segundo expresou Goretti Sanmartín, "a Alba de Gloria é máis unha proba da grandeza de Castelao, esa figura inmensa que nos fai afortunadas ás galegas e galegos porque non todos os pobos poden ter a sorte de contar cunha referencia fundacional incuestionábel, xenerosa na súa xenialidade, tan amada, tan respectada".

Así, a rexedora recordou que Alba de Compostela "nace para conmemorar Castelao, o seu inmortal discurso mais tamén, ben o saben, para festexarmos mulleres e homes do noso tempo que constrúen Compostela, que fan que este concello sexa aínda máis grande, unha realidade colectiva, unha cidade histórica cun futuro tecido por moitas mans, moitas cabezas e moitos corazóns", do mesmo xeito que "Castelao fixo desfilar pola súa Alba de Gloria aquela Santa Compaña de galegos e galegas inmortais con Prisciliano á cabeza e cunha ringleira de nomes aos que debemos boa parte do que somos".

Ao respecto das persoas e entidades homexeadas, Goretti Sanmartín quixo recoñecer o "traballo e o compromiso co noso concello, de homes, mulleres e entidades que, co seu esforzo, coa súa intelixencia e a súa enerxía fan que a colectividade dea pasos adiante, avance como un todo, con orgullo e con esperanza".

"Coa Alba de Compostela queremos, en boa maneira, mostrar o orgullo do que somos, o orgullo de persoas e colectivos que desde o abrente ao solpor, cada día, fan que este concello camiñe cara a adiante, con decisión, de mans dadas, sabéndose partícipes dun proxecto que non é de ninguén senón de todos nós, de todas nós, e que responde ao nome de Santiago de Compostela".

Para a rexedora, o obxectivo é tamén dotar a "este concello dun acto propio neste seu día grande", no que "Santiago de Compostela e a súa xente fosen as protagonistas". Así, Goretti Sanmartíon, tamén convidou "a deixar fóra intereses particulares e sumarse a esta festa, que quere ser de todos e todas as compostelás, que quere ser a celebración dunha cidade".

Finalmente, a alcaldesa parabenizou a cada unha das persoas recoñecidas polos seus logros, e por constituír un "exemplo da diversidade do noso concello, da pluralidade dos distintos eixos que o compoñen, do dinamismo dunha cidade con historia e con futuro".

O acto pechouse co himno de Galicia, interpretado por Oli Xiráldez, na gaita, e Fernando Estévez, ao tambor, acompañados por todos os asistentes.

Direcciones relacionadas



Compartir: