FESTAS

Os Fogos do Apóstolo encheron de luz e cor a noite compostelá

24/07/2023 O espectáculo pirotécnico das Festas do Apóstolo do 24 de xullo lanzouse de xeito sincronizado desde cinco localizacións, deixando unha fermosa estampa nocturna no ceo compostelán. A variedade de efectos e cores dos fogos artificiais e os diferentes escenarios de fondo lograron que veciñanza e visitantes puideran gozar dun espectáculo singular desde múltiples puntos da cidade.

Por cuarto ano consecutivo, a carballeira de Santa Susana (Alameda), a Cidade da Cultura, o parque de Carlomagno (Fontiñas), o parque Eugenio Granell (Conxo) e As Cancelas foron os puntos dende os que se lanzaron os fogos esta noite, permitindo a un gran número composteláns e compostelás e visitantes presenciar o espectáculo desde diferentes localizacións da cidade.

Os Fogos destacaron polo seu ritmo, potencia, luminosidade e variedade de efectos e cores. Desde cada un destes cinco puntos fixéronse 1.550 disparos de máis de 390 quilos de NEC (Neto Explosivo Contido), o que vén resultar unha cifra total de máis de 2.000 quilos.

O espectáculo arrancou ás 23:30 horas cunha combinación de tronos e grandes bombas de cor, seguido dunha serie de conxuntos con figuras xeométricas e florais, entre outras, acompañados por varios efectos de son e luz para completar o espectáculo.

Programación do Día do Apóstol

O Día de Galicia arranca cos actos de celebración da Ofrenda Nacional ao Apóstolo Santiago que comezará ás 10:00 horas na praza do Obradoiro. Ás 12:30 horas sairá a comparsa de cabezudos do Teatro Principal, lugar que tamén servirá de escenario, a partir das 13:15, da primeira edición do acto institucional ‘Alba de Compostela’, no que se renderá homenaxe a Daniel Lorenzo Santos director da Fundación Catedral de Santiago; os equipos femininos do Hóckey Club Raxoi; Mª Rosa Álvarez Prada, decana do Colexio Oficial de Psicoloxía de Galicia e directora técnica do Plan Socio-Comunitario de Vite; e Ánxeles González Porto, propietaria do pub Borriquita de Belém e membro da Asociación Cultural Cidade Vella.

En canto ás propostas musicais da xornada, o artista Seso Durán ofrecerá un concerto no parque de Galeras a partir das 21:00 h e a Quintana acollerá a actuación de Cimafunk a partir das 22:00 horas.

O programa completo está dispoñible na web do Concello.

Compartir: