DEREITOS E SERVIZOS SOCIAIS

Asinados convenios con oito entidades sociais por máis de 200.000 euros

21/07/2023 A concelleira de Dereitos e Servizos Sociais asinou hoxe convenios anuais con oito entidades sociais por un importe total de máis de 200.000 euros. María Rozas loubou o traballo destas asociacións e expresou a vontade do Goberno de manter a colaboración e explorar posibles novas liñas de traballo con elas, "porque son imprescindibles para avanzar cara unha Compostela de maior xustiza social e porque chegan a onde ainda non chegan as administracións públicas na atención á
poboación máis vulnerable".

O convenio de maior contía é o asinado con Cáritas. O Concello faille á entidade unha achega de 120.000 euros para o financiamento de dous proxectos: o programa de atención primaria de Cáritas Interparroquial e o programa Alares de inclusión residencial. A través do primeiro deles, Cáritas atende a persoas en risco de exclusión social, tratando de darlle resposta ás demandas sociais que formulen de maneira coordinada co departamento municipal de Servizos Sociais. En canto ao proxecto Alares, trátase dun programa que facilita vivendas de transición para persoas en situación de grave risco de exclusión social.

Na sinatura participou o presidente de Cáritas, José Anuncio Mouriño. O convenio con Feafes, asinado polo seu presidente José Ramón Girón, tén unha dotación económica de 60.000 euros, destinados ao programa de atención a persoas con enfermidade mental crónica e persoas sen fogar ou en grave risco de exclusion, ás que tamén se lles facilitan vivendas de transición.

Outros convenios
Tamén quedaron asinados os convenios de colaboración coa Asociación Compostelá de Esclerose Múltiple, ACEM, por un importe de 9.000 euros; coa Escola de Tempo Libre Don Bosco, que recibirá 5.000 euros; e coa Asociación Fonte da Virxe de Familiares e Amigos dos Enfermos Mentais, por 3.500 euros. A Asociación Galega para Axuda dos Enfermos con demencia tipo alzheimer, AGADEA; a Asociación de Pais e Nais de Persoas con trastorno de espectro autista, ASPANAES; e a Asociación de Dano Cerebral SARELA, recibirán cada unha 3.000 euros en virtude dos convenios que tamén quedaron asinado hoxe. Por último, e aínda que non puideron asistir ao acto celebrado hoxe, o Concello vén de asinar cadanseu convenio con ALCER, por un importe de 4.000 euros; coa Asociación de Pais de Persoas con Discapacidade Intelectual, ASPAS, por 6.000 euros; e coa Asociación Itínera de Voluntarios en Saúde Mental, que recibirá unha achega municipal de 5.000 euros.

Compartir: