XUNTA DE GOBERNO

A Xunta de Goberno aproba unha transferencia de crédito a Tussa para o alugueiro de autobuses

20/07/2023 A Xunta de Goberno acordou hoxe realizar unha transferencia adicional de crédito en favor de Tussa para que a empresa municipal poida alugar este ano unha pequena flota de autobuses para prestar o servizo do transporte urbano. En concreto, aprobouse un expediente de crédito por case 125.000 euros, financiados con cargo ao remanente líquido de tesourería para gastos xerais do Concello do exercicio de 2022.

A Xunta de Goberno, reunida en sesión extraordinaria, aprobou o expediente de crédito para atender a necesidade dunha transferencia adicional a favor de Tussa, para poder acometer neste ano o alugueiro de autobuses, á espera de que poida finalizar a licitación do novo contrato do transporte público. O importe desa transferencia é de 124.993 euros, procedentes dos remanentes de 2022. Con esta medida, o Goberno local pretende paliar a delicada situación na que se atopa a flota e substituir aqueles vehículos que se atopan en peores condicións ou sofren un maior número de avarías. Será Tussa quen asuma o alugueiro temporal dos autobuses, para a súa posta a disposición da empresa concesionaria do servizo do transporte urbano. A empresa municipal está a traballar para definir as necesidades e iniciar o procedemento para o alugueiro á maior brevidade posible.

No mesmo expediente aprobado na Xunta de Goberno extraordinaria celebrada hoxe inclúense outros suplementos de crédito con cargo ao remanente líquido de tesourería para gastos xerais do Concello: 41.925 euros para completar o crédito necesario para atender os xuros da débeda bancaria municipal; 20.000 euros para o subministro de combustibles e carburantes para as dependencias da UMAD; 35.000 euros para o subministro de combustibles e carburantes para as dependencias de Servizos Sociais; 75.000 euros para atender a convocatoria deste ano dos bonos de consumo no comercio e na hostalería; e 215.893 euros para garantir o mantemento de servizos esenciais para o Concello vinculados á área de modernización, innovación e calidade da administración local.

Compartir: