FESTAS

As pregoeiras animan a todo o mundo a achegarse á praza do Obradoiro esta noite e "bailar ao son de Leilía"

20/07/2023 Felisa Segade, Montse Rivera e Patricia Segade foron recibidas esta mañá pola alcaldesa e as concelleiras Pilar Lueiro e María Rozas no Pazo de Raxoi. As integrantes de Leilía prometeron para esta noite un pregón "non ao uso", no que non faltará a música nin o baile e reiteraron o chamamento a todas as asociacións folclóricas compostelás para que se acheguen ao Obradoiro a celebrar o arranque das Festas do Apóstolo. "Para nós é unha honra e un orgullo poder dar o pregón da nosa cidade de nacemento e de adopción", explicaron.

Felisa Segade recordou que a primeira actuación importante da carreira de Leilía foi tamén en Compostela, concretamente na praza de Cervantes. "Diso van alá 34 anos" e tras tanto tempo "é un orgullo poder dar o pregón da nosa cidade, a cidade que nos veu nacer". Esta primeira actuación en Compostela marcou o punto de partida para poñer en valor a pandeireta e a música das mulleres do rural. "Hoxe estamos moi orgullosas de onde chegou a música das pandeireteiras, moi arriba, aínda que sempre pode medrar máos".

As seis integrantes de Leilía, Montse Rivera, Felisa Segade, Merchi Rodríguez, Patricia Segade, Ana Rodríguez e Rosario Rodríguez serán as encargadas esta noite ás 22:00 horas de dar a benvida a unha nova edición das Festas con once días de música, tradición, danza, cabezudos... así como os tradicionais espectáculos pirotécnicos das noites do 24 e do 31 de xullo. Previamente asinarán no Libro de Ouro do Pazo de Raxoi.

As compoñentes deste mítico grupo galego foron escollidas como pregoeiras destas Festas tanto polo seu arraigo na cidade como por formar parte do patrimonio musical e cultural de Compostela e polo seu papel como pioneiras na recollida e posta en valor dunha tradición oral e musical baseada nas xuntanzas que facían as mulleres para se divertiren nas aldeas galegas. A praza do Obradoiro acollerá a continuación o concerto do grupo de reggae, The Original Wailers.

Leilía

Leilía nace no ano 89 da man de seis mulleres: Felisa Segade, Montse Rivera, Mercedes Rodríguez, Patricia Segade, Ana Rodríguez e Rosario Rodríguez, que cunha aposta pioneira e atrevida, propóñense recuperar do esquecemento a tradición oral galega, levando por primeira vez aos palcos un espectáculo de pandereitas e voces, acompañado de instrumentos da vida cotía coma latas, sachos, tixola… tal como se facía nas aldeas galegas cando se xuntaban as mulleres para divertirse.

A mediados dos 90 publican o seu primeiro proxecto, "Leilía" (Dismedic), composto exclusivamente por pezas tradicionais baseadas na tradición oral, ao que seguiu "I é verdade i é mentira" (Virgin Records) no 1998, que incorpora instrumentos e polifonías non tradicionais. No ano 2003, publicaron 'Madama' (Discmedi) con letras de temática actual que conta coa colaboración do escritor Suso de Toro.

Coincidindo co seu 15º aniversario, ve a luz o álbum "Son de Leilía" (Leilear), un percorrido pola historia do grupo, nun traballo que contou coa participación de artistas como Milladoiro, Budiño, Bleizi Ruz. Ás portas do 2012 sae á luz "Consentimento" e xa no 2019, celebran o seu 30 aniversario coa xira "CantarElas", un espectáculo que aúna temas emblemáticos con outros pouco coñecidos.

Ao longo da súa traxectoria de máis de 30 anos, Leilía recibe múltiples distincións, entre as máis recentes, o Premio Cornamusa do Festival Atlántica (2019) ou o Premio FADEMUR da Deputación da Coruña pola súa aportación á cultura, á lingua e ás artes.

Direcciones relacionadas



Compartir: