FESTAS

Leilía abre as Festas do Apóstolo cun pregón cheo de música que pon a bailar a toda a praza do Obradoiro

20/07/2023 As integrantes de Leilía, Montse Rivera, Felisa Segade, Merchi Rodríguez, Patricia Segade, Ana Rodríguez e Rosario Rodríguez inauguraron esta nova edición das Festas do Apóstolo desde o balcón do Pazo de Raxoi, ante unha praza da Obradoiro na que se congregaron veciñanza e visitantes. O grupo galego encheu de música a noite compostelá cun pregón no que amosaron o seu amor por Compostela e as súa xentes cunha homenaxe especial a todos os colectivos locais de baile e música tradicional que ateigaron a praza. O público puido desfrutar a continuación do concerto da banda xamaicana The Original Wailers.

As pregoeiras arrancaron o seu pregón cunha peza cargada de amor por Compostela: "Aquí vin aquí cheguei/Aquí me mandaron vire/Aquí está meu corazón/se mo queres recibire" e animando ao numeroso público congregado na praza de Obradoiro: "Vinde todas que hai festa rachada/Vinde todos á gran foliada/Esta noite bailaremos nela/Vinde todas para Compostela.

Montse, Felisa, Merchi, Patricia, Ana e Rosario explicaron a súa vinculación con Santiago, á cidade que as veu nacer hai "nada máis e nada menos que 34 anos", e confesaron que o seu segredo para seguir xuntas pode compararse co Arco da Vella "onde cada unha das cores é fundamental para o resultado final. Pois o mesmo pasa con Leilía. Quen nos coñece sabe que somos moi diferentes e as nosas diferenzas aportan en positivo para enriquecer a Leilía".

No pregón tamén se referiron á "Compostela universal", da que "podemos presumir", xa que acolle unha "mestura de culturas, linguas e intereses que fai desta cidade un lugar aberto, tolerante, dinámico...", na que cada rúa "está chea de música" e "podes pasear por calquera delas da man dunha gaita ou dunha pandeireta que soa de fondo, desde un cuarto coa xanela aberta".

Así, as integrantes quixeron facer unha mención especial á súa antiga mestra Herminda Miramontes, "unha persoa moi apreciada por nós", e a todas aquelas asociacións compostelás, moitas delas presentes na praza, que seguen "mantendo vivo o espírito da nosa tradición". "Delas saímos cada unha de nós. Nelas medramos. E cando digo medrar, non me refiro só aos coñecementos sobre a tradición, o baile e a música, senón como persoas. Nestes colectivos aprendemos respecto, solidariedade, traballo en equipo e amizade", recordou Montse.

As pregoeiras pecharon o acto interpretando a "Muiñeira de Grixoa", animando a todas as persoas congregadas na praza a comezar as festas "da mellor maneira", que é "cantando e bailando ao son das pandeiretas, enchendo esta praza de rodas e ringleiras de bailadores e bailadoras, para mesturarnos todos e todas cunha muiñeira". Tamén tocaron as pezas do "Pasodobre de Folgoso" e o mítico "Chorei, chorei", a modo de colofón.

Venres 21

Os próximos días chegan cargados de propostas variadas dentro das festas do Apóstolo. Así, a xornada do venres abrirase ás 10:00h coas a alboradas a cargo de Os Valentes de Conxo. Xa pola tarde, a partir das 20:00 h, a praza de San Martiño Pinario acollerá o espectáculo "Danza no Camiño" con artistas de varios países.

O público poderá escoller á noitiña entre varias opcións musicais: o concerto de Sara McCoy na praza da Quintana e a actuación da Orquestra Stereo na Alameda.

Sábado 22

A programación do sábado arrincará ás 10:00 h coas tradicionais alboradas, nesta ocasión a cargo de AC Pana Raiada. Á mesma hora, dará comezo a programación do "Dron Festival Gaelic GP Mundial" que se desenvolverá ao longo de toda a xornada no parque de Belvís.

A praza da Quintana acollerá o Xacobeo Clarinet Fest ás 11 h e as Xornadas do Folclore, a partir das 21 h, na que se poderá gozar da actuación de varios grupos locais de baile tradicional.

Xa pola noite, os/as usuarios/as da Asociación ASPAS presentarán o musical "Peter, voamos!" no Auditorio de Galicia, espectáculo ao que se pode acudir de balde, previa recollida na Zona C da praza de Cervantes. Tamén haberá actuacións de L.A. no parque de Galeras e da orquestra Foliada d Ases na Alameda.

Domingo 23

As alboradas da AC O Castro de Figueiras abrirán a xornada do domingo que continuará cunha mostra e un obradoiro de danza urbana na praza da Quintana a partir das 12:00 h.

Pola noite, o artista Angel Stanich ofrecerá un concerto na praza da Quintana a partir das 22:00 h. O parque de Galeras tamén acollerá a actuación de Lucía Aldao ás 21:00 h.

Luns 24

As alboradas de AC Xirandana amenizarán a mañá do luns e darán paso ao tradicional desfile de xigantes e cabezudos que arrancará ás 12:00 h da praza da Quintana e chegará sobre as 12:30 no Toural.

Para ir quentando motores para os fogos do Apóstolo, o público poderá desfrutar de varias citas musicais en diversos puntos da cidade: Anxo Araújo no parque de Galeras ás 21:00 h; Xabier Díaz e Adufeiras de Salitre na praza da Quintana a partir das 22:00 h e á mesma hora, a orquestra Horizon the Show na Alameda.

O programa completo está dispoñible na web do Concello.

Documentos relacionados



Compartir: