ALCALDÍA

O Concello e o Consello da Cultura Galega traballarán para converter Santiago "en vangarda e referente cultural"

26/06/2023 A alcaldesa, Goretti Sanmartín, e a concelleira de Capital Cultural, Mírima Louzao, mantiveron esta mañá un primeiro encontro institucional coa presidenta do Consello da Cultura Galega, Rosario Álvarez, tras o que anunciaron a vontade de ambas institucións para colaborar en temas como o centenario do Seminario de Estudos Galegos ou o proxecto para impulsar a proxección exterior de Santiago e da cultura galega a través da figura de Rosalía de Castro, "unha prioridade fundamental para o Concello nos próximos meses".

Durante a xuntanza, tratáronse varios temas de común interese para ambas institucións, entre os que a alcaldesa salientou o próximo do centenario do Seminario de Estudos Galegos, unha celebración "que desde este Concello queremos potenciar e impulsar de maneira clara a través da súa participación nunha comisión da que forman parte institucións como a USC, o Museo do Pobo Galego, o Concello de Ames ou a Xunta de Galicia" e que estará coordinada polo propio Consello da Cultura Galega para "a organización dun roteiro o 12 de outubro a Ortoño cunha serie de actos". Ademais desta comisión, Goretti Samartín avanzou que o Concello porá en marcha "unha serie de iniciativas propias, como a elaboración dun caderno especial ou actividades específicas nos centros de ensino e centros socioculturais".

No encontro tamén acodaron o uso por parte do Concello de informes de datos e conclusións de xornadas organizados polos Consello da Cultura Galega sobre temas interese municipal como "educación, sociedade, patrimonio, turismo cultural ou núcleos das cidades históricas", puntualizou a alcaldesa.

A alcaldesa tamén acordou coa presidenta do Consello colaborar "para facer que Compostela sexa un lugar de referencia para a proxección internacional da cultura galega a través da figura de Rosalía de Castro". Sanmartín anunciou que desde o Concello se porá en marcha "un programa ambicioso que se está desenvolvendo desde a Concellería de Cultura" e que "no seu momento partillaremos co Consello da Cultura Galega para poder traballar conxuntamente".
Santiago "ten que ser vangarda e referente cultural", esta é "unha prioridade fundamental para os próximos meses", engadiu.

Pola súa banda , a presidenta do Consello da Cultura Galega, Rosario Álvarez, expresou a súa disposición no nome da institución a colaborar co Concello para converter Santiago non só "nunha cidade acolledora para todos os seus veciños e veciñas", senón tamén "que todos os que nos visiten queden deslumbrados por unha imaxe cultural que Galicia quere ofrecer", traballando conxuntamente para evitar "un turismo malentendido" polo que "hai moito que pensar e que reflexionar".

Rosario Alvarez calificou como "unha proposta de colaboración moi estimulante" por parte do Concello en traballar na "proxección exterior da cultura galega" a través da figura de Rosalía de Castro" xa que pode ser a nosa embaixadora no mundo enteiro".

Compartir: