XUNTA DE GOBERNO

A Xunta de Goberno Local aproba as bases da convocatoria de cesión de usos das instalacións deportivas e o convenio de colaboración coa SD Compostela

26/06/2023 A Xunta de Goberno Local aprobou hoxe as bases reguladoras da convocatoria de cesión de usos das instalacións deportivas municipais para actividades deportivas e físicas durante a tempada 2023/24. Tamén se deu luz verde aos convenios de colaboración para este ano coa Sociedade Deportiva Compostela, a Federación Gallega de Kárate y D. A. e coa Federación Galega de Judo e Deportes Asociados por un importe total de 76.000 euros.

Debido á gran demanda destas instalacións, a Concellería de Deporte decidiu regular de xeito ordenado o procedemento de solicitude a través dun sistema de concorrencia que garanta un reparto o máis equitativo posible, cuxas bases foron aprobadas esta mañá polo executivo municipal. Un sistema de asignación de horas vinculado, preferentemente, a adestramentos, práctica deportiva federada, e actividades físicas e educativas para a tempada e/ou curso escolar 2023/24.

Poderán solicitar as instalacións deportivas municipais as entidades deportivas de Santiago de Compostela inscritas no rexistro municipal de asociacións e definidas polo artigo 40 de Lei del Deporte de Galicia: clubs deportivos, agrupacións deportivas escolares e seccións deportivas todas elas sen ánimo de lucro; as federacións deportivas; deportistas individuais con licenza federativa en vigor nas modalidades de atletismo e/ou triatlón para o caso concreto das pistas de atletismo do Estadio Municipal Verónica Boquete de San Lázaro; e asociacións en xeral de Santiago debidamente inscritas no rexistro municipal de asociacións.

Excepcionalmente poderánselle asignar horas para actividades nas instalacións deportivas municipais a entidades deportivas ou asociacións que non estean inscritas no rexistro municipal, sempre e cando queden horas sobrantes nesta convocatoria ou soliciten franxas horarias para as que non existe demanda por parte de entidades ou deportistas da cidade.

Presentación de solicitudes

A presentación da solicitude para as actividades deportivas de adestramento realizarase no prazo de 15 días naturais desde o día seguinte á publicación da convocatoria na páxina web municipal do Concello de Santiago e na do Departamento de Deportes, o que supón que o prazo empezaría a contar a partir de mañá, martes 27 de xuño.

A presentación de solicitudes para actividades físicas (actividades extraescolares, …) estará aberto ata o 20 de setembro, para facilitar a incorporación das actividades vinculadas cos centros de ensino.

Con respecto ao prazo para a presentación de solicitudes individuais para o uso das pistas de atletismo do Estadio Municipal Verónica Boquete de San Lázaro, estará aberto durante toda a tempada deportiva, pero coa autorización condicionada á dispoñibilidade e capacidade de ocupación.

Deberase presentar unha solicitude por cada entidade e por tipo de instalación onde deberá ordenar as preferencias de días e franxas horarias para adestrar. Finalizado o prazo de presentación de solicitudes, ao longo de toda a tempada 2023/24, calquera entidade que reúna os requisitos desta convocatoria poderá presentar unha nova solicitude que será valorada sempre que exista dispoñibilidade e aínda que este procedemento fose resolto.

Distribución das horas

O procedemento polo que se distribuirán as horas das instalacións deportivas municipais terá en conta un baremo de prioridades: 1º nivel de prioridade para actividades directas ou de colaboración municipal, lectivas obrigatorias, e aquelas que aglutinen a persoas con discapacidade; 2º nivel de prioridade para adestramentos de ámbito federativo e as vinculadas co deporte escolar da Xunta de Galicia e un 3º nivel de prioridade para as actividades físicas e propostas deportivas recreativas e competitivas non oficiais.

Como norma xeral distribuiranse horas de luns a venres entre as que non estean reservadas pola Concellería de Deportes para os desenvolvemento das súas propias actividades ou programas municipais. As horas para competición serán reservadas semanalmente segundo os calendarios oficiais de competición e dispoñibilidade existente, valorando a demanda que exista.

A cesión de horas farase por instalación deportiva, tendo en consideración o horario de apertura establecido, o tipo de actividade que mellor se acomode a cada unha delas segundo as súas características e, tomando como referencia, a carga horaria reservada para o mesmo fin e entidade durante a tempada 2022/23 considerando os ascensos e descensos.

Convenios con entidades deportivas

Na reunión do executivo municipal tamén se aprobaron tres convenios entre o Concello de Santiago e diferentes entidades deportivas por un importe total de 76.000 euros. En concreto, deuse luz verde aos convenios de colaboración para o ano 2023 coa Sociedade Deportiva Compostela, por valor de 65.000 euros; coa Federación Gallega de Kárate y D. A., por valor de 5.000 euros e coa Federación Galega de Judo e Deportes Asociados (6.000 euros).

Contratacións

A Xunta de Goberno tamén acordou a adxudicación do contrato de " Servizo de mantemento e conservación do Monte Viso" a COREGAL PARQUES E XARDÍNS, S. L., por un importe de 50.000 euros. A empresa adxudicataria reúne os requisitos esixidos no prego e ofertou unha porcentaxe de baixa xeral sobre os prezos unitarios establecidos nos pregos dun 4%. Ademais comprométese a entregar 4.000 árbores para a reposición no ámbito da actuación do contrato, sen custos adicionais para o Concello.

Tamén se aprobou o expediente de "Alugueiro dun local para destinalo a uso sociocultural e asociativo dos veciños do barrio de Guadalupe, sito no baixo do edificio nº 1 da rúa Celso Emilio Ferreiro". A vixencia do contrato deste aluguer será de 3 anos, a partir do 1 de xullo de 2023. O prezo da renda mensual será de 413,06 €, IVE incluído. Este importe será revisado anualmente, conforme as variacións qu e experimente o índice xeral de prezos ao consumo.

Postos eventuais

Nunha sesión extraordinaria da Xunta de Goberno que tamén tivo lugar esta mañá, acordouse a "Adxudicación das obras para a eliminación de humidades no pavillón polideportivo do CEIP Pío XII" á empresa BELENUS NATUR SLU, que presentou unha proposición económica de 200.230,88 € (execución por contrata de 165.480,07 € máis IVE do 21% de 34.750,81 €).

Ademais, tamén se aprobou o número, retribucións e características do persoal eventual, que non supón un incremento de gasto para o exercicio 2023. A relación de postos aprobados é a seguinte:

1. Tres persoas asesoras, en réxime de xornada completa. Equiparada a efectos retributivos cos funcionarios municipais do subgrupo A1 e nivel 22, cun custo anual de 45.890,84 euros cada posto.
2. Catro persoas asesoras, en réxime de xornada completa. Equiparada a efectos retributivos cos funcionarios municipais do subgrupo C1 e nivel 22, cun custo anual de 39.945,44 euros cada posto.
3. Dúas persoas asesoras, en réxime de xornada completa. Equiparada a efectos retributivos cos funcionarios municipais do subgrupo C1 e nivel 20, cun custo anual de 33.730,00 euros cada posto.
4. Tres persoas asesoras, en réxime de xornada completa. Equiparada a efectos retributivos cos funcionarios municipais do subgrupo C1 e nivel 18, cun custo anual de 31.464,66 euros cada posto.

Compartir: