PLENO

Celébrase o Pleno de organización do Concello

24/06/2023 O Pleno da Corporación municipal reuniuse esta mañá en sesión extraordinaria para tratar os puntos relativos á súa organización. Así, decidiuse a periodicidade das sesión, a creación e composición das comisións, a representación dos grupos nas distintas entidades municipais ou o réxime de indemnizacións e dedicacións exclusivas dos membros das corporación.

O Pleno aprobou por unanimidade as seguintes propostas:

1. Proposta relativa á periodicidade das sesións do Pleno da Corporación: acordouse que o Pleno da Corporación se reúna en sesión ordinaria todos os meses, agás agosto, o último xoves de cada mes ás 10:00 horas. Se o xoves é festivo, a sesión será ás 10:00 horas dous días antes ou dous despois daquel xoves, previa consulta á Xunta de Portavoces.
No mes de agosto non se celebrarán sesións ordinarias.

2.Proposta relativa á creación e composición das comisións de informe, estudo e proposta, de carácter permanente e especial:
a. Comisión de Presidencia, Réxime Interior, Modernización da Administración e Especial de Contas.
Estará composta por un máximo de tres concelleiros de cada grupo municipal. O voto de cada concelleiro/a será ponderado segundo a representatividade que cada grupo ten no Pleno da Corporación.

b. Comisión de Urbanismo, Infraestruturas, Vivenda, Medio Ambiente, Medio Rural e Servizo.
Estará composta por un máximo de tres concelleiros de cada grupo municipal.
O voto de cada concelleiro/a será ponderado segundo a representatividade que cada grupo ten no Pleno da Corporación.

c. Comisión da Área Social, Cultura, Participación, Igualdade e Transparencia. Estará composta por un máximo de tres concelleiros de cada grupo municipal. O voto de cada concelleiro/a será ponderado segundo a representatividade que cada grupo ten no Pleno da Corporación.

d. Comisión Especial de Suxestións e Reclamacións.
Estará composta por un máximo de dous concelleiros de cada grupo municipal. O voto de cada concelleiro/a será ponderado segundo a representatividade que cada grupo ten no Pleno da Corporación.

e. Comisión Asesora do Patrimonio Histórico.
Formarán parte desta comisión como vogais os seguintes concelleiros/as: Iago Lestegás Tizón e Míriam Louzao Fernández, do BNG, e serán suplentes os demais membros do grupo municipal. María Baleato González e José Antonio Constenla Ramos, do PP, e serán suplentes os demais membros do grupo municipal. Mercedes Rosón Ferreiro, do PSdG-PSOE, e serán suplentes os demais membros do grupo municipal. Xan Duro Fernández, de CA, e será suplente María Rozas Pérez (CA).

A Comisión de Presidencia, Réxime Interior, Modernización da Administración e Especial de Contas entenderá de todos aqueles asuntos que non estean comprendidos expresamente no ámbito das outras comisións.

Na súa sesión de constitución, as comisións, tanto informativas como especiais, elixirán ao seu presidente efectivo e fixarán o seu calendario de sesións. As comisións informativas reuniranse polo menos unha vez ao mes, no día fixado pola propia comisión.

Poderán crearse comisións especiais para o estudo de diversas materias e baixo a presidencia da alcadesa, que estarán formadas, agás disposición en contra, por un concelleiro de cada un dos grupos municipais da Corporación. O voto de cada concelleiro/a será ponderado segundo a representación proporcional no Pleno da Corporación do grupo no que se integra.

A Xunta de Portavoces constituirase como comisión especial, presidida pola alcaldesa e composta polos portavoces de cada un dos grupos municipais.

3. Proposta relativa á fixación de número de representantes dos grupos políticos municipais nas sociedades dependentes ou nas que participa o Concello de Santiago de Compostela.
a. A Sociedade Municipal de Xestión do Transporte Urbano de Santiago, S.A. (TUSSA) e Sociedade Municipal Información e Comunicación Local, S.A. (INCOLSA): formarán parte dos respectivos Consellos de Administración dous conselleiros/as a proposta do grupo municipal do PP, un/ha a proposta do grupo municipal do BNG, un/ha a proposta do grupo municipal do PSdeG-PSOE e un/ha a proposta do grupo municipal de CA.

b. Sociedade Mercados Centrais de Abastecemento de Galicia, S.A (MERCAGALICIA): formarán parte do seu Consello de Administración como conselleiros/as un/ha a proposta do grupo municipal do PP, un/ha a proposta do grupo municipal do BNG e un/ha a proposta do grupo municipal do PSdeG-PSOE. Asistirá como convidado un/ha concelleiro/a do grupo municipal de CA.

c. Sociedade Xestión de Actividade Deportiva e Espectáculos, S.L. (XADE): cada grupo municipal proporá a designación dun/ha conselleiro/a do Consello de Administración da sociedade.

d. Sociedade para a Promoción de Iniciativas Empresariais Innovadoras M.P., S.L. (UNINOVA): formarán parte do seu Consello de Administración a alcaldesa, un concelleiro e unha concelleira do Goberno Municipal, un/ha conselleiro/a a proposta do grupo municipal do PP, un/ha conselleiro/a a proposta do grupo municipal do BNG, un/ha conselleiro/a a proposta do grupo municipal do PSdeG e un/ha conselleiro/a a proposta do grupo municipal de CA.

4. Proposta relativa á fixación do número de representantes dos grupos políticos municipais no Consorcio da Cidade de Santiago e no Consello Reitor do Organismo Autónomo Auditorio de Galicia.
a. Consorcio da Cidade de Santiago: formarán parte do Consello de Administración, ademais da alcaldesa como presidenta, un/ha concelleiro/a a proposta do grupo municipal do PP e un/ha concelleiro/a a a proposta do grupo municipal do PSdeG-PSOE. Poderá asistir como invitada a voceira do grupo municipal de CA.

b. Consello Reitor do Auditorio de Galicia: formarán parte, ademais da alcaldesa como presidenta, unha vogal en representación do grupo municipal do BNG, un/ha vogal en representación do grupo municipal do PP, un/ha vogal en representación do grupo municipal do PSdeG-PSOE e un/ha vogal en representación do grupo municipal de CA.

5. Proposta relativa ao réxime de dedicacións exclusivas e parciais, asistencias e indemnizacións dos membros da Corporación Municipal, así como aos grupos políticos:
A. Dedicacións exclusivas: cunhas retribucións, incluídas pagas extraordinarias, equivalentes ás dos funcionarios municipais do subgrupo A1 e nivel 26. Poderán acollerse á dedicación exclusiva, por razón do volume de traballo a realizar, os seguintes cargos:
a) A Alcaldía. Con efectos desde a data de toma de posesión (17/6/2023).
b) Os/as concelleiros/as delegados/as. Créanse seis dedicacións exclusivas.
c) Cinco dedicacións exclusivas para os concelleiros da Corporación, das cales catro corresponderán ao grupo municipal do PP e unha ao grupo municipal do PSdeG- PSOE.

B. Dedicacións parciais: por razón do desempeño de funcións de presidencia, vicepresidencia, ostentar delegacións ou desenvolver outras responsabilidades municipais, poderán acollerse ao réxime de dedicación parcial, os seguintes cargos:
a) Un/ha concelleiro/a delegado/a: cun réxime de dedicación do 80% da xornada ordinaria de traballo e as retribucións, incluídas pagas extraordinarias, equivalentes ás dos funcionarios do subgrupo A1 e nivel 26.
b) Dúas dedicacións parciais, cun réxime de dedicación do 60% da xornada ordinaria de traballo e as retribucións, incluídas pagas extraordinarias, equivalentes ás dos funcionarios do grupo A1 e nivel 26, para dous concelleiros/as do grupo municipal do PSdeG- PSOE.

Os membros da Corporación que non teñan dedicación exclusiva nin parcial percibirán pola asistencia a sesións de órganos colexiados as indemnizacións fixadas no Orzamento Municipal, así como as indemnizacións, axudas de custo e gastos de representación fixadas nas Bases de Execución do Orzamento Municipal. Ademais, os membros da Corporación terán dereito a recibir indemnizacións polos gastos ocasionados no exercicio do cargo, cando sexan efectivos, e previa xustificación documental, segundo as normas de aplicación xeral nas administracións públicas e as establecidas nas bases de execución do Orzamento.

A aqueles membros corporativos que perciban retribucións en forma de dedicación exclusiva, e teñan acreditados trienios na función pública ou en réxime de dedicación exclusiva ao Concello de Santiago e o dereito a axuda familiar, incorporaránselle nos seus haberes mensuais. As retribucións dos cargos con dedicacións exclusivas e parciais actualizaranse anualmente segundo o establecido pol Lei de Orzamentos Xerais do Estado para os funcionarios do subgrupo A1. Os grupos políticos municipais percibirán para o desenvolvemento das súas actividades unha subvención segundo o previsto no Orzamento Municipal. Facúltase á Alcaldía para que designe aos concelleiros que desempeñarán os cargos en réxime de dedicación exclusiva e parcial, dando conta ao Pleno da Corporación na primeira sesión ordinaria que se celebre.

Outros asuntos

Na sesión extraordinaria tamén se aprobou inicialmente a modificación do cadro de persoal do ano 2022 prorrogado para o ano 2023, no que atinxe a persoal eventual, nos termos seguintes: 14 asesores/as técnicos grupo A1 e 9 asesores/as administrativos/as grupo C1, cos votos a favor de BNG, CA e PSdG e coa abstención do grupo popular. Así mesmo, deuse conta da constitución dos grupos políticos municipais e da designación dos seus voceiros.

O último punto foi a dación de conta dos decretos da Alcaldía nº 2023/8135, sobre delegación de competencias da Alcaldía, nº 2023/8136, sobre designación dos membros da Xunta de Goberno Local e nomeamento de Tenentes de Alcaldesa, e do acordo da Xunta de Goberno Local do 20 de xuño de 2023 sobre delegación de competencias.

Direcciones relacionadas



Compartir: