IGUALDADE

Mañá arranca Compostela Diversa cun amplo programa de actividades para visibilizar a realidade LGTBI

23/06/2023 A quinta edición de Compostela Diversa arranca mañá coa mesa redonda "Arredor da Lei 4/2023" e a proxección de "Alex & Munchie" no CSC Maruxa e Coralia, e cun programa de actividades variadas na praza de Mazarelos ao longo de todo o día. O vindeiro mércores 28 de xuño, con motivo do Día Internacional do Orgullo LGTBI, lerase un manifesto na praza do Obradoiro ás 11:30 horas. O Concello tamén puxo en marcha unha campaña de visibilización da realidade LGTBI á que se uniron preto de 200 establecementos comerciais, hoteleiros e hostaleiros da cidade.

Con motivo da celebración o 28 de xuño do Día Internacional do Orgullo LGTBI, un ano máis bota a andar a iniciativa Compostela Diversa coa intención de reivindicar Santiago como referente de cidade tolerante e de acollida. Esta quinta edición de Compostela Diversa estenderase ata o 8 de xullo, e ofrecerá un amplo programa de actividades lúdicas e de reflexión co fin de dar visibilidade á realidade LGTBI.

O CSC Maruxa e Coralia acolle mañá ás 12:00 a mesa redonda "Arredor da Lei 4/2023", con Charo Alises, avogada e doutora en Ciencias da Comunicación, activista e presidenta de "Ojalá Málaga" e Mireia Martí, activista intersexual e xurista. Pola tarde terá lugar a proxección de "Alex & Munchie" de Carmen P. Granxeiro e Xácia Ceive, seguido por unha conversa coas directoras. Tamén desde as 13:30 ata as 23:30 horas, a praza de Mazarelos acollerá un programa lúdico, artístico e poético, no que intervirán escritores/as e artistas.

Os vindeiro luns, 26 de xuño, terá lugar unha conversa sobre "Festas, corpos e política" no espazo O Gabinete, e o mércores 28, levarase a cabo a lectura do manifesto ás 11:30 na praza do Obradoiro.

O 8 de xullo desenvolverase a xornada "Orgullo Trans Arelas", organizada pola Asociación de familias de menores Trans (ARELAS) que arrancará ás 11:30 horas coa proxección do filme "20.000 especies de abejas" na sala Numax. A partir das 14:30 horas, o parque de Galeras acollerá un xantar campestre, xogos e xincana pola diversidade e o lanzamento dos polvos holi. Xa na praza do Toural, a narradora Cris de Caldas ofrecerá o espectáculo de contacontos "diversamente iguais" ás 18:30 h, e ás 19:15 h arrancará a Marcha Orgullo Trans "Somos, Existimos, Resistimos!!" con saída e chegada á mesma onde se lerá un manifesto. A xornada pecharase coa actuación musical de rap e improvisación do Rabelo (@iarnaldhu).

De xeito complementario a estas actividades, preto de 200 establecementos comerciais, hoteleiros e hostaleiros da cidade vístense desde comezo de mes coas cores de Compostela Diversa, a través de distintos elementos coma mandís, carteis, postais, pousavasos e manteis, dentro dunha campaña de difusión e visualización do programa.

Ademais, un ano mais, para visibilizar os valores de Compostela Diversa, Turismo de Santiago colocou iluminación e decoración en espacios públicos destacados como a propia oficina central de Turismo de Santiago, ou en diferentes puntos da Alameda, como a Porta Faxeira, as Dúas Marías, o Palco da Música ou o Eucalipto dos Namorados.

No Paseo dos Leóns da Alameda tamén se instalou un Arco de Cores de grandes dimensións para que tanto as persoas residentes en Santiago como as persoas que visitan a cidade estes días poidan tomarse unha fotografía cos cores da diversidade coa vista da cidade histórica e da Catedral no fondo. Tamén se vestiron de cores LGTBI a rúa das Ameas, na que está o Mercado de Abastos, o segundo lugar máis visitado despois da Catedral. Esta iluminación e decoración especiais estarán visibles ata o 2 de xullo.

Esta iniciativa está impulsada polo Concello de Santiago, a través da Concellaría de Igualdade e coa colaboración especial de Turismo de Santiago e o Departamento de Comercio, e conta co apoio da Deputación da Coruña.

Documentos relacionados

Direcciones relacionadas



Compartir: