EDUCACIÓN

A Escola Municipal de Música celebra o seu Festival de fin de curso baixo o título "A Música na Emigración"

19/06/2023 A Escola Municipal de Música e o Concello de Santiago presentan "A Música na Emigración", o festival de fin de curso da EMM que terá lugar o vindeiro mércores, 21 de xuño, na Sala Ángel Brage do Auditorio de Galicia.

Un ano mais a Escola Municipal de Música de Santiago e o departamento municipal de Educación presentan o festival de fin de curso que terá lugar o mércores 21 de xuño ás 19 horas na sala Brage do Auditorio de Galicia.

Dentro do afán por traballar dende un punto de vista interdisciplinar e cun enfoque aberto, levan organizando dende o 2018 unha serie de festivais de carácter temático co obxecto de poñer en valor aspectos musicais e contidos relacionados coa cultura galega. Así, as temáticas dos festivais foron, no 2018, "A Muller galega na música"; no 2019, "50 anos de canción popular galega" e, no 2022, "A Movida chega á Escola". A Escola Municipal de Música busca con estes proxectos dar a coñecer e poñer en valor o inmenso patrimonio musical galego.

Este ano o tema do festival xirará arredor dun tema moi presente na historia de Galicia: A Música na Emigración. Unha parte moi importante da cultura galega desenvolveuse na emigración e grazas á emigración. Entre 1850 e 1950 case dous millóns e medio de galegos emigraron fora da súa terra, levando consigo ás súas músicas, os seus bailes e os seus cantos, verdadeiros signos de identidade cultural e social. Como di o antropólogo arxentino Norberto Pablo Cirio "para o galego na Arxentina, cantar ou tocar a súa música é como volver a estar; é un auténtico cordón umbilical que mantén unida a súa realidade co sitio de onde ven".

Por iso este ano decidiuse poñer en valor a riqueza musical que floreceu entre os galegos e galegas da diáspora. A repercusión da emigración na música e por ende na cultura galega é enorme: dende a estrea do Himno Galego na Habana, ata a creación dos primeiros orfeóns e corais e o desenvolvemento das carreiras de ilustres compositores galegos como Andrés Gaos ou José Castro Chané.

O punto álxido do proxecto no que se estivo traballando nos últimos meses é o festival que terá lugar na Sala Brage do Auditorio de Galicia, o vindeiro mércores día 21 de Xuño, ás 19h. Neste concerto participarán todas as agrupacións da escola: Banda, Bandiña, Orquestra, Orquestriña, Big Band, Coros Infantil, Xuvenil e de Adultos, Combo de Música Moderna e a Agrupación de Música Tradicional, integrando a máis de douscentos intérpretes no escenario.

Neste concerto farase un percorrido por todas aquelas músicas feitas na emigración, os ritmos de ida e volta, os intérpretes que cantaron á emigración e os compositores de fora de Galicia que ven na nosa música unha fonte de inspiración.

Exposición na sede da EMM "A música na emigración"

Como actividade complementaria ao festival, a Escola vén de inaugurar estes días unha exposición na súa sede do Predio de Vista Alegre, conformada por ducias de obxectos achegados polas familias e alumnado relacionados coa emigración, xa que é un tema que, en maior ou menor medida, lle tocou a todos os galegos e galegas. Esta exposición complétase cunha montaxe audiovisual que recolle o material aportado polo alumnado nas entrevistas aos familiares que viviron de primeira man a experiencia de ter que abandonar todo para emprender unha nova vida moi lonxe do seu fogar.

Colaboración co Consello da Cultura Galega e o Museo do Pobo Galego

Dende o inicio da sua andaina a EMM vén colaborando con multitude de entidades e institucións de Santiago e de Galicia: Xunta de Galiza, Fundación Rosalía de Castro, Aula Hospitalaria do CHUS, diferentes Asociacións Veciñais, CEIP e Escolas Infantís de Santiago, IV Ciclo da USC, Down Compostela, Circo Nove Teatro, Banda Municipal, Museo de Historia Natural, Real Filharmonía, etc.

Coa proposta temática deste ano e co obxecto de ampliar ese abano de colaboración e implicar a algunhas institucións da cidade no proxecto, dar a coñecer e divulgar á cidadanía o traballo que están a desenvolver, concretouse a colaboración co Consello da Cultura Galega e co Museo do Pobo Galego.

Programa do Festival

1. Himno Galego. Texto: Eduardo Pondal. Música: Pascual Veiga. Arranxo: Marcos Teira (Agrupación de cordas, Coros PEX e PEPA)
2. Lonxe da Terriña. Texto: Aureliano Pereira. Música: Xoán Montes. Arranxo: Pili López e Loida Díaz. (Agrupación de cordas, Coros PEX e PEPA)
3. A Morte dun Galego. Texto e Música: Manuel Muñiz, a partir dunha peza tradicional. Arranxo: Pablo Pascual (Agrupación de cordas, Coro PEX e PEPA)
4. Havaneira da fim. Texto e Música: Tradicional adaptado por Ugia Pedreira. Arranxo: Marcos Teira (Agrupación de cordas, Coro PEX e PEPA)
5. Cuba – Galicia. Música: Guillermo M. Tomás, a partir de temas tradicionais. Arranxo: Andrés Pérez (Agrupación de ventos)
6. Regional Galicia F.C. Música: Popular a partir da cumbia El Negro José. Arranxo: Óscar Fernández (Agrupación de ventos)
7. Los Larpeiros del Vedado. Música: Do repertorio do Quinteto Monterrey. Arranxo: Pablo Pascual (Agrupación de ventos)
8. Emigrado. Texto e Música: Prudencio Romo. Arranxo: Pablo Pascual (Agrupación de ventos, coros pex e pepa)

Compartir: