ACCIÓN CULTURAL

A SELIC Criminal reúne na Quintana o máis destacado do panorama ibérico

16/06/2023 Susana Martín Gijón, Arantza Portabales, Pepe Coira, Ledicia Costas ou o portugués Francisco Moita Flores debaterán sobre as ficcións máis escuras na nova sección de SELIC.

O Festival da Lectura estreou nesta sétima edición a SELIC Criminal, unha sección centrada nas ficcións negras que nace con vontade de perdurar no tempo e consolidar un espazo de divulgación e interacción co público para este xénero que, a pesar da súa popularidade e da calidade da produción galega recente (non só literaria), aínda non conta cun foro de referencia. O profesor e escritor Xaquín Núñez Sabarís é o coordinador deste apartado que procura responder a un modelo que xa existe noutros lugares, mais que se botaba en falta en Galicia.

A SELIC Criminal xa deu os seus primeiros pasos con dúas andainas organizadas pola Asociación de Escritoras e Escritores en Lingua Galega: "Compostela gótica", con Suso de Toro, e "Morte no Campus Vida", con Lito Vila Baleato. Porén, o groso do programa está aínda por chegar e será na fin de semana do 17 e 18 de xuño cando teremos ocasión de entrar realmente na materia.

A SELIC trae catro mesas de conversa que xuntarán, baixo diferentes orientacións temáticas, autoras e autores de recoñecido prestixio como Susana Martín Gijón, Arantza Portabales ou o portugués Francisco Moita Flores. E é que a SELIC Criminal non se limita ao ámbito galego, senón que reunirá na Quintana o máis destacado do panorama ibérico, articulando o diálogo con outras literaturas do Estado e coa lusofonía. Tamén estarán representados outros formatos alén do libro, como o audiovisual, coa presenza do guionista Pepe Coira.

O sábado terán lugar dúas mesas de conversa. A primeira, ás 19h00, virará arredor dos "Detectives de novela" e debaterá o tema con alguén que o coñece de primeira man, pois ademais dos escritores Arantza Portabales e Lorenzo Silva estará no escenario da SELIC un detective privado: Paul Ziegler. Ás 20h00 mudaremos de tópica para abordar os "Escenarios do Criminal" coas intervencións de Susana Martín Gijón, Patricia A. Janeiro e Ledicia Costas.

O domingo, ás 18h00, a SELIC Criminal tornará para observar "O crime que habita en nós", da man de Ramón Area, Antonio Tizón e Francisco Moita Flores. Fecharemos este apartado ás 19h00 coa conversa "Atlántico Noir" na que intervirán Diego Ameixeiras, María López Sández, Pepe Coira e Pedro Feijóo. Finalmente, non poderemos contar coa presenza do escritor portugués Francisco J. Viegas, pois a folga de transporte afectou á súa viaxe desde Lisboa.

Ademais, queda aínda pendente un dos tres paseos que o Festival da Lectura enmarcou nesta sección, reivindicando un xénero no que a compoñente xeográfica se revela fundamental. Mañá, ás 16h30, teremos oportunidade de acompañar a escritora Arantza Portabales polas rúas de Compostela, seguíndolle a pista aos detectives Abad e Barroso, a parella que atopamos en libros como O home que matou a Antía Morgade (Editorial Galaxia) ou A vida secreta de Úrsula Bass (Editorial Galaxia).

Direcciones relacionadas



Compartir: