XUNTA DE GOBERNO

A Xunta de Goberno local aproba as bases das axudas ao fomento do deporte federado

05/06/2023 A Xunta de Goberno Local aprobou as bases da "Convocatoria de subvencións en réxime de concorrencia competitiva, destinadas ao fomento do deporte federado. Ano 2023". A súa finalidade é a promoción das entidades deportivas locais de carácter federado, co obxecto de financiar, en parte, os gastos derivados da súa participación nas competicións deportivas establecidas nos correspondentes calendarios oficiais das federacións autonómicas e nacionais. Estas axudas contan cun orzamento de 308.000 euros.

Poderán acceder a estas subvencións as entidades deportivas que participen en competicións oficiais federadas, con sede social no Municipio de Santiago e que figuren inscritas no Rexistro Municipal de Asociacións, e no Rexistro da Secretaría Xeral para o Deporte da Xunta de Galicia. Están excluídas estas subvencións as categorías daquelas entidades que teñan un convenio nominal co Concello de Santiago de Compostela; e os equipos de fútbol sala que participen na competición local, interzonal, e/ou provincial, como consecuencia do alto número de participantes existentes; e os equipos de fútbol que participen na categoría de veteranos.

O formulario oficial de solicitude CS006F estará dispoñible na sede electrónica do Concello de Santiago (sede.santiagodecompostela.gal), no trámite "Solicitude de subvención"; unha vez se publique a convocatoria no BOP da Coruña. A partir de aí, as entidades interesadas disporán dun prazo de 15 días naturais para a presentación de solicitudes.

Para os efectos desta convocatoria de subvencións consideraranse gastos subvencionables os comprendidos entre o 1 de xaneiro eo 31 de outubro de 2023 que respondan a, entre outros, os seguintes conceptos: gastos de pagamento de licenzas federativas e de mutualidade; gastos de desprazamentos fóra do termo municipal vinculados coas datas de competición oficial federativa; gastos de aloxamento e manutención dos diferentes equipos ou deportistas da Entidade, que deberán de coincidir e vir acompañados do calendario oficial federativo da competición; gastos de arbitraxes que se correspondan coas competicións do calendario oficial federativo; gastos de material deportivo non inventariable (balóns, equipacións, ...) ata un máximo de 3.000 euros; gastos de alugueiro de instalacións para adestramentos ou competicións; así como gastos médicos e de seguros de responsabilidade civil ou accidentes.

A Xunta de Goberno Local tamén deu luz verde ao texto de distintos convenios de colaboración para o ano 2023, entre o Concello de Santiago e 4 entidades deportivas, por un importe total de 78.000 euros.

En concreto, aprobouse o texto dos convenios de subvencións nominativas coa Federación Española de Luchas Olímpicas e D.A. por valor de 36.000 euros; coa Federación Galega de Atletismo, por 10.000 euros; co motoclub "Móvete na moto", por 20.000 euros; e co club de atletismo "Fontes do Sar" por unha contía de 12.000 euros.

Compartir: