ACCIÓN CULTURAL

Convocada a XXVI edición do Premio de Investigación Antón Fraguas

26/04/2023 A Asociación do Traxe Galego, coa colaboración do Concello de Santiago, convoca a XXVI edición do Premio de Investigación Antón Fraguas sobre o Traxe Galego Tradicional. O certame volve contar con dúas modalidades: traballos descritivos e traballos analíticos, ambas as dúas con premios de 1.800 euros. O prazo de presentación de traballos rematará o 15 de setembro.

Os detalles da convocatoria deste Premio Antonio Fraguas foron presentados nunha rolda de prensa na que participaron a concelleira de Acción Cultural, Mercedes Rosón; o vicepresidente da Asociación do Traxe Galego, Aurelio Gianzo, e a secretaria, Susana Peleteiro.

O Premio conta con dúas modalidades: unha é a dos traballos descritivos, aqueles que, recuperando traxes, especifiquen a materia coa que están feitas as pezas, presenten patróns, medidas, lugar de achado e de situación actual e época das pezas analizadas. Tamén poderán incluír as técnicas de elaboración empregadas na transformación das materias primas e procesos textís.

A outra modalidade é a dos traballos analíticos, aqueles que, ademais, leven a cabo un estudo explicativo ou interpretativo seguindo os principios teórico-metodolóxicos das Ciencias Sociais, a Lingüística ou os saberes de carácter tecnolóxico, como o traxe tradicional na literatura popular ou de autor, na iconografía ou semioloxía, ou análises centrados na influencia no vestiario de aspectos relixiosos, económicos, políticos ou sociolóxicos.

As características da convocatoria, dos prazos e dos premios veñen fixadas anualmente nas bases do certame.

A presentación de traballos está aberta ata o 15 de setembro. Logo, as investigacións serán remitidas ao xurado constituído por persoas de recoñecido prestixio nos eidos do folclore, antropoloxía, investigación histórica e documental e/ou coñecemento do vestir tradicional de Galicia.

O coidado na selección e valoración dos traballos por estes especialistas en cultura galega e a dotación económica dos premios (1.800 euros para o mellor traballo en cada unha das categorías) fai que a participación dos investigadores e investigadoras siga viva e que a Asociación do Traxe Galego manteña a convocatoria na procura de divulgar o coñecemento sobre a nosa vestimenta tradicional.

O fallo do Premio farase público no mes de decembro nun acto no Pazo de Raxoi non que se entregarán os dous galardóns do certame.

Asociación do Traxe Galego
A Asociación do Traxe Galego é unha entidade cultural sen ánimo de lucro que, coa axuda dos seus máis de 300 socios, vén traballando dende distintas vertentes na promoción, dignificación e uso do traxe tradicional. Dende 1995, a Asociación do Traxe Galego promove anualmente a convocatoria do único premio de investigación sobre o traxe tradicional que existe en Galicia.

Compartir: