XUNTA DE GOBERNO

José Luis Baños de Cos, premio Exeria de proxectos de creación literaria

24/04/2023 A Xunta de Goberno Local aprobou a concesión do "Premio Exeria de proxectos de creación literaria" a José Luís Baños de Cos. O obxectivo desta convocatoria é fomentar a creación literaria desde a súa orixe e contribuír a súa internacionalización. O premio consiste na dotación de 3.000 euros e na xestión dunha viaxe a Xerusalén con hospedaxe na Residencia Al Mamal.

Segundo a acta de resolución da convocatoria, o xurado acordou concederlle o premio por maioría. "A proposta de José Luis Baños de Cos destaca, en primeiro lugar, porque a cidade de Santiago é protagonista, ao mesmo nivel de calquera outra personaxe. Recrea ademais un tempo de ilusións e esperanza como o da República, que consideramos pouco tratadas na nosa creación literaria. O proxecto estrutúrase a partir das distintas fases da edición dun libro emblemático como son os Seis poemas galegos de Federico García Lorca na Compostela dos anos 30".

O xurado considera "especialmente interesante o feito de que o proxecto leva a cabo un recoñecemento e reparación dun elenco longo de personaxes, figuras que foron fundamentais neste período histórico. Valoramos tamén a súa vocación por ampliar públicos, aspecto este tan necesario para o teatro galego e parar a creación literaria nosa en xeral. E o equilibrio que establece entre a proposta textual e a escénica que aseguran a súa viabilidade"

O Premio Exeria, organizado polo Concello de Santiago a través da Concellaría de Acción Cultural, conta coa colaboración da entidade "Residencia Literaria 1863" e do Consulado Xeral de España en Xerusalén. Está destinada a proxectos de creación literaria inéditos, de autores/as residentes en Compostela que precisen dun tempo e un espazo para desenvolver a súa obra.

José Luis Baños de Cos

Nado en 1977, é Licenciado en Dereito e Antropoloxía Social. Cursou estudos sobre teatro social e teatro do oprimido. Durante varios anos traballou para diferentes ONGs en Honduras e o Perú en proxectos de integración con rapaces/zas da rúa por medio do uso do teatro. Actualmente compaxina o seu labor de dramaturgo coa docencia de Teatro en diferentes centros Socioculturais e centros de ensino.

Entre os premios acadados durante a súa traxectoria destacan:

- "O círculo", Premio de Teatro Breve Jenaro Marinhas del Valle organizado por la AC. Publicada pola AC. Alexandre Bóveda de A Coruña (2019).

- "Cheas de Bestas", Premio A pegada de Microteatro, convocado por ESAD Galicia (2019).

- "Asfixia", gañadora do Premio Abrente do MIT de Ribadavia (2019), . Publicada por Ed. Difusora de letras, artes e ideas (2020).

- "A cámara escura", III Premio Roberto Bolaño convocado polo Concello de O Porriño (2020). Publicada por Editorial Galaxia (2021).

- "Segunda morte", gañadora do VIII Premio teatral Varela Buxán (2021). Concello de A Estrada. Próxima publicación por Edicións Fervenza.

- "Lume", V Premio Roberto Bolaño convocado polo Concello de O Porriño (2022). Publicada por Editorial Galaxia (2023).

- "El niño que se escondía dentro de una caja de galletas", gañadora do XXX Concurso de Textos Teatrales dirigidos a Público Infantil de la Escuela Navarra de Teatro (2021). Publicada por Assitej España (2023).

- "Nas nubes", Premio XVI Barriga Verde para teatro de monicreques para adultos (2022). Próxima publicación en Baía Edicións (2023).

Tamén é autor das obras teatrais "A espera", de Titereficcións (2014); "Suite Up", da compañía Fanfarra Teatro (2015); "O faiado", da compañía Ó Cubo Teatro (2016), seleccionada no Galicia Escena Pro (2017).

Compartir: