ALCALDÍA

O novo delegado do Goberno en Galicia, José Ramón Gómez Besteiro, visita o Concello de Santiago e asina no Libro de Honra

18/04/2023 O alcalde de Santiago, Xosé Sánchez Bugallo, recibiu hoxe no Pazo de Raxoi o recén nomeado delegado do Goberno en Galicia, José Ramón Gómez Besteiro, que asinou no libro de Honra en presenza do concelleiro de Presidencia e Relacións Institucionais, Sindo Guinarte e da subdelegada do Goberno na Coruña, María Rivas. A continuación mantiveron un encontro para facer un repaso das actuacións en trámite ou en marcha na cidade.

Durante o acto, Xosé Sánchez Bugallo amosou unha "gran satisfacción polo nomeamento de Gómez Besteiro como novo delegado do Goberno en Galicia" e unha "gran confianza no futuro xa que hai moitos temas en Santiago vinculados ao Goberno central, como os fondos Next Generation, a promoción internacional do Camiño de Santiago ou a propia seguridade na cidade".

Pola súa banda, José Ramón Gómez Besteiro agradeceu o recibimento e salientou a súa vontade para "poñerse a disposición do rexedor para facer un seguimento de todos aqueles proxectos que o Goberno de España está desenvolvendo en Santiago", xa que constitúe a "capital da mobilidade en todos os extremos, coa estación Intermodal, as infraestruturas dos orbitales que se están a desenvolver ou a propia mobilidade da cidade histórica". Desta última, o delegado salientou que ademais de tratarse "dunha das principais imaxes de Galicia", no futuro será "un espazo no que as persoas poderán transitar sen ningún tipo de vehículo" e tamén un área "pioneira no transporte de mercancías". O delegado tamén destacou a importancia de Compostela como "capital da tecnoloxía e da innovación" coa axuda dos fondos de innovación e de recuperación do Goberno central.

Gómez Besteiro concluíu que hai "moito traballo por compartir e moita ilusión" en desenvolver "proxectos que marcarán un antes e un despois na cidade de Santiago".

Compartir: