MEDIO AMBIENTE

O Concello de Santiago pon a disposición da cidadanía SENLLAP, unha app sobre árbores senlleiras do municipio

18/04/2023 SENLLAP é unha nova aplicación do Concello de Santiago deseñada como unha guía interactiva para dar a coñecer as árbores dos parques da nosa cidade. Ademais, a cidadanía poderá enviar as súas propostas a través da app e participar na elaboración dun catálogo municipal de árbores singulares.

A aplicación SENLLAP, dispoñible en Play Store, presenta un sistema de navegación dividida en catro eixes temáticos: senlleiras, parques, especies e propostas cidadás.

O apartado 'Parques' achega a usuarios e usuarias unha guía para coñecer as árbores de vinte parques do núcleo urbano, con datos sobre cada un deles, como a súa extensión, tipoloxía, cronoloxía, localización e descrición. Tamén ofrece unha infografía onde se pode acceder á descrición e localización de cada unha das especies no mapa, xa que algúns dos parques, como a Alameda, Campus Sur, Belvís ou Bonaval, están divididos en dúas ou máis zonas debido a súa extensión.

'Especies' ofrece a descrición de case 140 especies ordenadas alfabeticamente. Pinchando en cada un dos botóns poderase acceder ao nome científico, ao nome galego e ao nome castelán, ademais de usos, orixe e curiosidades. Os textos están acompañados de fotos das árbores e detalles de follas, flores, sementes ou tronco para facilitar o seu recoñecemento en vivo.

'Senlleiras' ofrece información sobre un listado de 34 árbores que, por un motivo ou outro, se consideran singulares e que poderían optar a incorporarse a un futuro Catálogo Municipal de Árbores Senlleiras, un recurso do que xa dispoñen varias cidades españolas co fin de valorizar, protexer e dar a coñecer exemplares singulares do seu territorio. Neste listado figuran as sete árbores senlleiras do noso concello que están incluídas no Catálogo Oficial de Árbores Senlleiras de Galicia.

Por último, 'Propostas cidadás' recolle as árbores candidatas a figurar no catálogo municipal a suxestión da cidadanía. Para facer estas achegas, os usuarios e usuarias poden facelo a través da sección Involúcrate – subir árbore, co que se pode acceder a unha ficha interactiva para cubrir os datos da árbore, a súa ubicación, unha breve descrición e fotos do exemplar proposto.

Direcciones relacionadas



Compartir: