ACCIÓN CULTURAL

O Festival Alguén que respira! pecha o seu programa este martes día 21 de marzo coa celebración do Día Mundial da Poesía e a entrada da primavera

20/03/2023 22 ecopoemas servirán de soporte para un recital que une o Teatro Principal e o Salón Teatro nun percorrido insólito. Na xornada de mañá tamén se entregarán os catro premios Respira! de poesía para estudantes. O festival Alguén que respira! é unha iniciativa da Concellería de Acción Cultural do Concello de Santiago para apoiar a poesía en todas as súas expresións, que conta coa colaboración da Secretaría Xeral de Política Lingüística da Xunta de Galicia.

O festival Alguén que respira! celebra este martes 21 de marzo o Día Mundial da Poesía con 22 ecopoemas inéditos, cos que se tracexou un recital polos balcóns da Rúa Nova, entre o Teatro Principal e o Salón Teatro. Os 22 ecopoemas son un proxecto do Respira!, que editou con eles o primeiro ecopoético publicado en Galicia.

Previamente, ás 19 horas, desde o balcón do teattro Principal, o poeta Claudio Rodríguez Fer lerá o manifesto que o propio festival lle encargou para celebrar a xornada. O programa inclúe, ademais, a entrega dos premios Respira! de poesía para estudantes, un galardón creado para co obxectivo de fomentar a poesía como sementeira das ideas e consolidar o galego como idioma de intercambio cultural. O premio recaeu en Daniela Rial Estévez do CPI de Cova Terreña en Baiona polo poema A terra chora; Xurxo González Rodríguez do IES Río Cabe de Monforte de Lemos por Spes; Amalia Blanco Pose do IES Terra do Xallas de Santa Comba
1 por Dun mirar de cor verde cremado e Daniel Souto Pazó do ETSE da Universidade de Santiago de Compostela por Escarnio. O galardón está dividido en catro apartados: Educación Primaria, cunha dotación de 200€, E.S.O. con 300€, Bacharelato e ciclos formativos de 1º grao con 400€ e, finalmente, Universidade e ciclos formativos de 2º grao con 600€.

No recital polos balcóns da Rúa Nova lerán os seus poemas, ademais dos gañadores do Premio Respira!, Margarita Ledo, Helena Villar, Xavier Rodríguez Baixeras, Iago González, Tino de Féliz, Rebeca Baceiredo, Miro Villar, Antía Otero, Olalla Cociña, Arancha Nogueira, Tamara Andrés, Roberto Abuín, Genaro da Silva, Ranón Blanco+Pablo Sax e Ismael Ramos. Tamén se escoitarán as voces de Xabier Cordal e Manuel Rivas, que participaron no proxecto pero non poden estar este 21 en Compostela.

O percorrido acabará no Salón Teatro cun concerto de Clo Plas, proxecto interdisiplinar que une á poeta Xiana Arias con Berio Molina. Con eles pechará esta sexta edicion do Respira!, este ano ariculado arredor da ecopoesía. Para esta derradeira xornada non é necesario retirar convites, xa que o programa terá lugar nas rúas, sen aforo.

O festival Alguén que respira! é unha iniciativa da Concellería de Acción Cultural do Concello de Santiago para apoiar a poesía en todas as súas expresións. O concello conta coa colaboración da Secretaría Xeral de Política Lingüística da Xunta de Galicia. O equipo de realización fórmano Antón Lopo na dirección; Cecilia Carballido na produción; Manuel Martínez no deseño gráfico; Baltasar Patiño na iluminación e escenografía; Alexandre Fernández Peón en comunicación, Iris Cochón na coordinación literaria; Soedade Noia na coordinacion do Premio respira! e Anxos Sumai na revisión lingüística do volume que cada ano se publica con textos e biografías de cada poeta que participa no festival.

Direcciones relacionadas



Compartir: