ALCALDÍA

Un grupo de alumnos e alumnas do Pío XII entrevista ao alcalde

20/03/2023 O alcalde de Santiago, Xosé Sánchez Bugallo, mantivo hoxe un encontro cun grupo de alumnos e alumnas de sexto de primaria do CEIP Pío XII. Respondendo ás preguntas dos cativos, o rexedor explicoulles cales son as funcións dun alcalde e como se "constrúe" unha cidade "paso a paso" a través do deseño de proxectos e a aplicación de distintos programas, así como os retos de futuro aos que debe facer fronte a capital de Galicia.

Son varios os colexios que pasaron polo Pazo de Raxoi co obxecto de coñecer o funcionamento dos órganos de goberno. Os últimos, o 27 de febreiro, un grupo de nenos e nenas do colexio Compañía de María participaron nun pleno infantil. Igual que o alumnado do CEIP das Fontiñas, que se converteron en concelleiros e concelleiras por un día coa celebración doutro pleno municipal con motivo do Día Mundial da Infancia, que se conmemora o 20 de novembro.

Compartir: