RELACIÓNS INSTITUCIONAIS

Preséntase no Concello de Santiago o IV Congreso Nacional Interim Management que terá lugar este venres no Pazo de Congresos de Galicia

16/03/2023 O evento foi presentado esta mañá no Pazo de Raxoi polo concelleiro de Turismo, Sindo Guinarte, acompañado por Pío Iglesias Carrera, presidente da Asociación Española de Interim Management. Durante o Congreso, en cuxa apertura participará o alcalde de Santiago, farase un recoñecemento aos fundadores da Asociación Interim Management España (AIME) polo seu décimo aniversario, unha traxectoria que comezou, precisamente, en Galicia, sede do Congreso.

A cita anual da Asociación Interim Management España (AIME) volve á súa versión presencial coa celebración do IV Congreso Interim Management na capital galega. O Palacio de Congresos e Exposicións de Galicia acollerá este venres 17 de marzo a cita á que xa confirmaron a súa asistencia destacadas personalidades do mundo empresarial e do ámbito directivo estatal.

Na elección de Santiago pesou o feito de que fose Ano Santo pero tamén a conmemoración do décimo aniversario de AIME. A Asociación comezou a súa andaina fai dez anos precisamente en Galicia, de aí a elección de Santiago para celebrar o Congreso anual.

Sindo Guinarte agradeceu a AIME a súa aposta por Santiago, xa que a celebración deste tipo de congresos "son decisivos para que a nosa cidade consolide esa posición vangardista e innovadora que sempre tivo o longo dos séculos". O concelleiro salientou que Santiago "atópase nun escenario altamente competitivo, no que debemos seguir xerando valores para converternos nun foco de atracción de novos servizos e recursos para a empresa e para o emprego que incidan na innovación e na competitividade" e "este tipo de congresos proporciónannos as ferramentas teóricas que nos axudan a acadar estes obxectivos".

O presidente de AIME, Pío Igrexas, lembrou que Santiago é "meta do Camiño e punto de encontro intercultural e intergeneracional de persoas procedentes de todos os recunchos do planeta, polo que resulta o enclave idóneo para reunir a directivos e líderes capaces de achegar solucións á complexa situación económica e empresarial que afronta toda a nosa contorna nacional e internacional".

Expertos en dirección e liderado

Entre as personalidades que participarán no Congreso están o exministro de Xustiza e socio de Marca Franca, Francisco Caamaño e o presidente da Confederación de Empresarios de Galicia (CEG), Juan Vieites. Ambos participarán, xunto con Fernando Vázquez de Deloitte, na primeira mesa redonda da xornada na que se analizará "A profesionalización do tecido empresarial español: visión e perspectivas de futuro desde o punto de vista das AA.PP., a banca e as organizacións empresariais".

Outros relatores destacados serán María José Muñoz, subdirectora xeral de Apoio á Peme do Ministerio de Industria, Comercio e Turismo; Ignacio González, CEO de Nova Pescanova; Fernando Val, director xeral de EnergyLab; Luís Pérez, director xeral de Gradiant, Olga López, Interim de RRHH de Altri ou Alberto Vázquez, Interim de Loxística en Leite Celta, entre outros.

Pechará o Congreso o expresidente da Xunta de Galicia Xosé Luís Barreiro Rivas e a clausura correrá a cargo de Fernando Guldrís, director xeral do IGAPE. Tras o xantar-networking abrirase a sesión vespertina con varios obradoiros nos que participarán, entre outros, Joaquín Dosil, presidente de Libredón; Susana Pousada, vicepresidenta DiRSE e Tomás Pereda, subdirector xeral da Fundación máshumano.

Dirección de transición

O Interim Management (IM), tamén coñecido como "dirección de transición", é un servizo asentado no sector empresarial de moitos países e cada vez máis no español. A constitución de AIME e a posta en marcha dos congresos anuais contribuíron a visibilizar na nosa contorna esta ferramenta de enorme utilidade, que permite liquidar situacións de crises ou cambio de modo temporal e adecuado ás necesidades de cada empresa.

A pandemia provocada pola COVID-19 puxo de manifesto a importancia de contar con ferramentas capaces de liquidar situacións sobrevindas de extrema complexidade, un dos fortes do Interim Management. Tamén a incertidume provocada pola guerra de Ucraína obrigou a moitas compañías a ter presentes recursos impensables noutros tempos.

O IM como guía en contornas de incerteza

Neste contexto mundial especialmente delicado, o IV Congreso Interim Management que se desenvolve baixo a lema lema "O Interim Management como guía do camiño ante contornas de incerteza", adquire aínda maior relevancia. Neste escenario internacional de enorme complexidade é necesario dotar ao armazón societario de servizos e recursos que lles doten de posibilidades e achegar solucións específicas.

Para iso, o foro de AIME reunirá expertos capaces de responder as esixencias da empresa actual e ofrecerá encontros e diversas actividades destinadas a mellorar os procesos organizativos, desenvolvemento de novos negocios ou mercados, etc. Todo co obxectivo de achegar solucións ás necesidades máis variadas da empresa actual, ben sexa unha gran compañía, un pequeno negocio, unha startup.

AIME

A Asociación de Interim Management de España é unha iniciativa privada, socialmente responsable, promovida por persoas e empresas sensibilizadas co futuro profesional do talento directivo do noso país. O seu obxectivo é difundir o interim management como ferramenta estratéxica de dirección entre a sociedade, empresas e institucións así como representar e apoiar aos seus asociados. Para participar no Congreso ou para ampliar información está dispoñible a páxina web interimspain.org.

Direcciones relacionadas



Compartir: