ACCIÓN CULTURAL

Compostela acolle unha nova edición do festival Alguén que respira! dedicado á ecopoesía

16/03/2023 O Teatro Principal de Compostela acolle entre o 18 e o 21 de marzo a sexta edición do Respira!, o máis importante acontecemento poético de Galicia. A concelleira de Acción Cultural, Mercedes Rosón, acompañada por Valentín García, secretario xeral de Política Lingüística da Xunta e o director do festival, Antón Lopo, presentou esta mañá a programación desta cita xa consolidada do panorama cultural compostelán que abrangue catro días de recitais, música e faladoiro. Toda a información e os detalles do programa están dispoñibles na web alguenquerespira.gal.

O festival Alguén que respira!, o grande acontemento poético do ano en Galicia, apura os últimos preparativos antes de erguer o pano do Teatro Principal de Compostela, sede central dun encontro que se inaugura o sábado 18 de marzo ás 20 horas e que se prolonga ata o martes 21, Día Mundial da Poesía. O programa foi presentado esta mañá nunha roda de prensa pola concelleira de Acción Cultural de Santiago, Mercedes Rosón e o secretario xeral de Política Lingüística da Xunta, Valentín García e o director do respira!, Antón Lopo.

As entradas para o festival saen o mércores día 15 de marzo na web compostelacultura.gal e tamén se poderán retirar desde ese mesmo dia no despacho de billetes da Zona C. Punto de Información Cultural de 11 a 14 e de 16 a 19 h (teléfono 981 542 462). Por último, o despacho de billetes do Teatro Principal estará aberto desde unha hora antes do comezo dos recitais (teléfono 981 571 026).

A sexta edición do Respira! comeza o sábado 18 de marzo e prolóngase ata o martes 21, cando se celebra o Día Mundial da Poesía. O tema central da edición é a ecoposía como ferramenta para loitar contra o cambio climático e nesa aposta, inclúese a publicación dun volume con 22 ecopoemas realizados expresamente para o encontro. Nel aparecerán, así mesmo, os catro poemas gañadores do I Certame de Poesía Respira! para estudantes.

O programa resulta tan irresistible pola diversidade (e calidade) das propostas como polos contidos, coa poesía como elemento aglutinante e reflexivo. Nel figuran Amorante, Jorge Riechmann, María Grandío, Rosa Berbel, Jansky, Keith Payne, Ismael Ramos, Miro Villar, Antonio Orihuela, Margarita Ledo Andión, Versofonía, Tino de Féliz, Joseba Sarrionandía, Isaac Xubín, Ruper Ordorika, Helena Villar, Claudio Rodríguez Fer, Antía Otero, Xabier Cordal, Arancha Nogueira, Olalla Cociña, Manuel Rivas, Iago González, Ramón Blanco+Pablo Sax, Rebeca Baceiredo, Rafael Rodriguz Baixeras, Tamara Andrés, Carlos Solla, Genaro da Silva ou Clo Plas.

Ecopoesía contra cambio climático: María Xesús Nogueira e Rosa Berbel (18/03 - 12:00 h)

O primeiro acto programa, o sábado 18, servirá de marco teórico ao festival: o ambigú do Salón Teatro acollerá, ás doce da mañá, un café de faladoiro con María Xesús Nogueira e Rosa Berbel. Nogueira é unha das grandes estudosas da ecopoesía en Galicia, ámbito no que realizou importantes achegas teóricas e de rastrexo. Pola súa banda, Rosa Belber, está a facer a súa tese sobre este xénero, ademais de ser un dos nomes máis admirados da poesía española actual.

Poesía no Teatro Principal: Jorge Riechmann, María Grandío, Rosa Berbel e Amorante (18/03 - 20:00 h)

O festival inaugúrase, como é tradición no seu programa, cun recital onde conflúen distintas linguas ibéricas. Será o sábado 18 de marzo. Sobre o escenario do Teatro Principal catro voces escintilantes e de forte compromiso ecolóxico, como Jorge Riechmann, referente en España do ecoloxismo social, profesor de ética e filosofía política en Madrid. Canda el estarán María Grandío, escritora emerxente da nova poesía galega actual, caracterizada por unha poderosa presenza escénica; Rosa Berbel, poeta e teórica da ecopoesía, e Amorante, que desde Euscadi navega con con xenio inimitable as augas da música e da poesía.

Poesía no Teatro Principal: Keith Payne, Carlos Solla, Antonio Orihuela e Janski (19/03 - 20:00 h)

O domingo día 19, a partir das 20 horas, o Teatro Principal ábrese a un programa con catro propostas radicais de poesía ecolóxica. Por un lado, Keith Payne presenta Hectares salvaxes, con composicións que recoñecen o papel fundamental do lugar na nosa ecoloxía humana. Carlos Solla é, pola súa banda, un dos máximos representantes da ecopoesía en Galicia, autor de libros como O orgulo do gurgulotributo á Asociación Pola Defensa da Ría de Pontevedra. Antonio Orihuela considérase un arqueólogo do presente e un escritor a destempo da modernidade liberal. Por último, Jansky presenta Insecta Dance Music, unha exploración onírica, dunha sensualidade ancestral, a través de música electrónica en directo composta exclusivamente a partir de sons de insectos gravados en Mallorca.

Poesía no Teatro Principal: Versofonía, Joseba Sarrionandía, Ruper Ordorika e Isaac Xubín (20/03 - 20:00 h)

O programa do luns 20 de marzo achégase a un dos poetas de culto da poesía vasca contemporánea, Joseba Sarrionandía, que estará en Compostela para recitar en viva voz o seus poemas. Sobre eses poemas traballaron Isaac Xubín –o seu tradutor ao galego, Premio Etxepare por ese labor– e o músico Ruper Ordorika, creando un espectáculo ata agora inédito en Galicia. Como limiar ao bloque, o dúo Versofonía trae a Compostela os poemas de Lady Alpaca, unha das activistas máis carismáticas da Ribeira Sacra.

Claudio Rodrígez Fer (21/03 - 19:00 h)

Claudio Rodríguez Fer foi o encargado de escribir este ano o Manifesto do Día Mundial da Poesía para o festival. O resultado é un Manifesto ecopoético onde o autor reclama "un pensamento radicalmente ecolóxico que nos lembre a interconexión da humanidade cos demais seres animais, vexetais e minerais da Terra e acaso do Universo infinito, sen centros, sen periferias e sen fronteiras, porque a existencia é sempre coexistencia en permanente resistencia como o maquis". A lectura terá lugar no balcón do Teatro Principal á Rúa Nova, inicio dun posterior percorrido que levará os asistentes ao Salón Teatro.

Ecopoesía contra o cambio de clima (21/03 - 19:15 h)

Dezaoito poetas galegos, desde Margarita Ledo, Helena Villar, Manuel Rivas e Xavier Rodríguez Baixeras a Iago González, Tino de Féliz, Rebeca Baceiredo, Miro Villar, Antía Otero, Olalla Cociña, Arancha Nogueira, Tamara Andrés, Roberto Abuín, Xabier Cordal, Genaro da Silva ou Ismael Ramos participan no primeiro acontecemento en Galicia que celebra de forma monográfica a ecopoesía. A estes/as poetas de traxectoria consolidada, únense os catro gañadores do Premio respira!, concurso convocado polo festival para fomentar a escrita poética entre o estudantado galego: Daniela Rial Estévez do CPI de Cova Terreña en Baiona; Xurxo González Rodríguez, do IES Río Cabe de Monforte de Lemos; Amalia Blanco Pose, do IES Terra do Xallas de Santa Comba e Daniel Souto Pazó, do ETSE da Universidade de Santiago de Compostela. Coa poesía deles e delas faremos un percorrido entre o Principal e o Salón Teatro, onde pechará o acto o dúo Clo Plas.

Compartir: