CONSORCIO

A Comisión Executiva do Consorcio aproba o encargo á empresa Tragsa da redacción do proxecto e a execución da obra do Centro Loxístico de Mercadorías da Cidade Histórica

09/03/2023 A Comisión Executiva do Consorcio de Santiago reuniuse este xoves para aprobar o encargo á empresa Tragsa da redacción do proxecto mais a execución da obra do Centro Loxístico de Provisión e Distribución de Mercadorías da Cidade Histórica por un importe de 4.598.000 euros. Tamén foi aprobado un incremento de orzamento para a obra da cuberta do Palacio de Congresos de Santiago.

Presidida polo alcalde da cidade, Xosé A. Sánchez Bugallo, na xuntanza participaron os representantes das outras dúas administracións que conforman o Consorcio de Santiago: pola Administración Xeral do Estado estivo Ángel Esteban Paúl, inspector xeral do Ministerio de Facenda e Función Pública, e pola Xunta de Galicia, Anxo Lorenzo, Director Xeral da Consellería de Cultura, Educación, FP e Universidades. tamén asistiron os representantes dos diferentes grupos municipais, así como o secretario do Consorcio e o interventor.

Centro loxístico de mercadorías

O Centro Loxístico de Provisión e Distribución de Mercadorías da Cidade Histórica será un proxecto pioneiro da loxística de última milla con especial incidencia na distribución de produtos esencialmente alimentarios, e que aspira a servir de modelo para outras mercadorías, como paquetería, outros centros históricos e o resto de zonas urbanas. Este Centro buscará contribuír a minorar as emisións nocivas para o medio ambiente, reducindo o impacto deste tipo de tráfico sobre o patrimonio e a vida na Cidade Histórica (liberación de espazo público, redución do número de accidentes, danos no firme e nas edificacións, etc).

O custe da execución será de 4.598.000, aos que se suman os preto de 470.000 euros xa destinados á empresa Uninova para encargarse do gabinete técnico do proxecto.

Outros asuntos

Noutros puntos da orde do día, a Comisión aprobou un incremento de crédito para a obra de reparación da cuberta do Palacio de Congresos de Santiago, que ascenderá a máis de dous millóns de euros.

Outro dos puntos foi a aprobación nesta xuntanza da convocatoria dunha praza temporal de frautista para a Real Filharmonía de Galicia.

Compartir: