TURISMO

Turismo de Santiago promociona a cidade na principal feira turística de Alemaña

08/03/2023 O mercado alemán viviu unha forte recuperación no 2022 en Santiago e superou os 20.000 peregrinos.

Turismo de Santiago, entidade de promoción turística do Concello, participa esta semana na ITB, que se celebra en Berlín do sete ao nove de marzo. O mercado xermano é un mercado fundamental para Santiago, tanto polo volume de pernoctacións como de peregrinos que xera na cidade.

No 2022 o mercado alemán tivo unha forte recuperación na cidade, unha vez superadas as restricións xeradas pola Covid, como indican as máis de 20.000 Compostelas entregadas a peregrinos xermanos, fronte as 6.575 do 2021 e as 2.344 do 2020. En concreto, as Compostelas entregadas no 2022 foron 23.212.

O obxectivo de Turismo de Santiago é continuar coa recuperación do mercado alemán xa a corto e medio prazo, superando as cifras do 2019, cando houbo 26.167 peregrinos procedentes de Alemaña. Neste sentido, teñen moita importancia as dúas conexións directas que ten o aeroporto de Santiago – Rosalía de Castro con Alemaña, en concreto con Frankfurt e Memmingen (Munich Oeste).

Turismo de Santiago manterá unha apretada axenda con profesionais e intermediarios turísticos, como turoperadores e axentes de viaxes xermanos especializados en España e no turismo cultural, con representantes de compañías aéreas e tamén cos responsables das Oficinas de Turismo de España en Alemaña para coordinar accións de promoción conxunta.

Segundo Turespaña, o mercado alemán vivíu un forte rebote no conxunto do país en relación ao 2021, tanto no fluxo de turistas, que creceron un 87%, como no gasto, que subíu un 91% e tamén nas pernoctacións, que aumentaron un 102%. A maioría viaxou en parella, seguidos daqueles que viaxaron en familia. O 69% deles incluiu a visita a cidade nas actividades que salientaban das súas viaxes.

Compartir: