MEDIO AMBIENTE

Reunión o mércores coas asociacións de hostaleiros da cidade para avaliar o sistema de recollida ‘porta a porta’ na Cidade Histórica

06/03/2023 A representación dos hostaleiros deberá levar ao encontro as súas propostas de mellora por escrito co obxectivo de "perfeccionar o servizo para adaptalo as súas rutinas de traballo" explica a concelleira de Medio Ambiente.

Será o mércores, logo dunha semana da posta en marcha do sistema de recollida de lixo ‘porta a porta’ para a hostalaría da Cidade Histórica, cando se reúnan Concello e hostaleiros para avaliar os primeiros días de funcionamento do novo servicio que pretende mellorar o tratamento de residuos urbanos. Na xuntanza participará tamén persoal técnico do departamento de Servizos do Concello e de Urbaser.

"O que nos transmiten desde Urbaser é que, nestes primeiros días, os hostaleiros fóronse adaptando ao novo sistema de recollida por franxas, que houbo colaboración pola súa parte e que a maioría depositaba na vía pública os colectores da maneira axeitada" explica Mila Castro que agradece o compromiso dos hostaleiros e o seu bo facer a pesar de que "como calquera cambio de costumes non é doado".

A concelleira de Medio Ambiente explica que nesa reunión terán que traer as dúas asociacións de hostalaría - Hostalaría.gal e Hostalaría Compostela- as súas propostas por escrito, co obxectivo de atopar puntos en común entre o que lles pode resultar máis áxil e a vida social na Cidade Histórica: "ten que ser un mecanismo que se adapte as súas necesidades, ao tempo que teña o menor impacto posible na vida da veciñanza do casco histórico e nos permita avanzar no correcto tratamento de residuos para facer de Santiago unha cidade sostible" recalca Castro.

Compartir: