ACCIÓN CULTURAL

A MICE celebra a súa 18ª edición coa rururbanía como foco temático

06/03/2023 A Mostra Internacional de Cinema Etnográfico do Museo do Pobo Galego desenvolverase do 15 ao 21 de marzo no Museo do Pobo Galego, na Sala Numax e no Teatro Principal. Esta nova edición, que conta un ano máis co apoio do Concello de Santiago, ofrecerá un amplo programa, con actividades para todos os públicos como a MICE Petís, dirixido ao público escolar, ou as sesións de formación para profesionais. A oferta completa foi presentada esta mañá nunha rolda de prensa na que participou a concelleira de Acción Cultural, Mercedes Rosón.

A Mostra Internacional de Cinema Etnográfico do Museo do Pobo Galego acada este ano a maioría de idade. A cita, do 15 ao 21 de marzo en Santiago de Compostela, abre a temporada anual de festivais e mostras galegos de cinema.

Esta edición da MICE, a sétima como festival internacional con seccións competitivas, estará centrada na rururbanía. Un concepto definido en relación a aqueles espazos, continuos ou híbridos, xurdidos dun proceso de urbanización de lugares do rural. Zonas de intersección nas que aparecen o conflito e o desencontro, pero onde tamén xorden novas formas de resistencia, de socialización do patrimonio ou de prácticas culturais. O rururbano, analizado desde o cinema etnográfico e a antropoloxía audiovisual, será a temática que artelle toda a programación da MICE, desde as seccións a concurso (Galicia e Internacional), ata as seccións paralelas (Trazas, Lindes e Impropias), así como as accións formativas destinadas a público profesional e escolar, e o resto das actividades.

Esta nova edición foi presentada esta mañá no Museo do Pobo Galego, nunha rolda de prensa que contou coa presenza de Mercedes Rosón, concelleira de Acción Cultural do Concello de Santiago; Concha Losada, presidenta do Padroado do Museo do Pobo Galego; Jacobo Sutil, director de Agadic; Xurxo Couto, deputado responsable da área de Cultura da deputación da Coruña; e Ana Estévez Lavandeira, directora da MICE.

Mercedes Rosón salientou a importancia de "dar espazo a iniciativas tan interesantes como a MICE e ao cinema etnográfico, que non atopan oco nas programacións máis comerciais" e explicou que se trata dunha MICE "moi especial" xa que a "rurubanía é unha realidade coa que convivimos a diario en Santiago, que nos define como cidade, e que nos convida a reflexionar".

A edila convidou á veciñanza a participar nas activades programadas xa que "nos van axudar a comprender mellor a nosa cidade, a nosa rururbanía". "A MICE aporta a Compostela, ocio, entretemento, información, pedagoxía, diversidade cultural, outras realidades, outras perspectivas, e unha gran riqueza etnográfica, antropolóxica e cultural", engadiu.

A imaxe da MICE

Tamén a imaxe da MICE elixida para este 2023 está inspirada no concepto da rururbanía. A novísima creadora Coral Piñeiro é a artífice do cartel, así como da peza audiovisual promocional desta décimo oitava edición.

Formación na MICE

A formación para profesionais nesta edición estará a cargo do Laboratorio de Antropoloxía Audiovisual Experimental (LAAV), con Chus Domínguez e Belén Sola, que impartirán o taller "De quen é a historia? Prácticas audiovisuais colaborativas e a antropoloxía audiovisual". 12 horas de formación especializada que terán lugar o luns 20 e o martes 21 de marzo. A inscripción pode realizarse do 6 ao 15 marzo, escribindo un correo a mice@museodopobo.gal.

MICE Petís

A Mostra Internacional de Cinema Etnográfico ofrecerá unha programación específica dirixida ao público escolar, no marco da MICE Petís. Unha proposta coordinada polo DEAC (Departamento de Educación e Acción Cultural) do Museo do Pobo Galego e o cineasta vigués Bruno Arias, para achegarse, a través do audiovisual e o documental de non-ficción, á visión da xente moza sobre a cultura e as tradicións galegas. Para iso, nesta edición ponse en funcionamento un programa piloto co alumnado de tres institutos galegos e co grupo mozo do CSC Aurelio Aguirre de Conxo, en Santiago de Compostela. Realizarán o proceso creativo dunha curta etnográfica, desde a idea ata a edición final. O resultado do programa proxectarase no Museo o venres 31 de marzo.

En paralelo, un ano máis, haberá sesións virtuais para os centros educativos que o soliciten. A partir do 14 de marzo e ata final de curso poderán acceder a unha escolla de filmes etnográficos proxectados nestas dezaoito edicións da MICE, tramitando as solicitudes en servizosdeac@museodopobo.gal.

Un festival sustentable

En cumprimento do Pacto Cultura Sustentable, asinado en 2021, e coa Axenda 2030 no punto de mira, a MICE mantense como evento accesible, a prol da sostibilidade medioambiental e artellado desde a perspectiva de xénero. De novo, repite cun equipo eminentemente feminino, desde a dirección, en mans de Ana Estévez Lavandeira; a produción e a programación, cunha ampla representación de cineastas en toda a grella e cunha sección -Impropias- dedicada especificamente a elas.

A 18 MICE está organizada polo Museo do Pobo Galego, e conta co apoio do Concello de Santiago, a área de Cultura da Deputación da Coruña a e a Axencia Galega das Industrias Culturais (AGADIC) da Xunta de Galicia.

Direcciones relacionadas



Compartir: