IGUALDADE

O Concello de Santiago homenaxea nove mulleres e colectivos da nosa cidade polo seu labor a prol da igualdade

06/03/2023 O programa de actividades con motivo do 8 de marzo arrancou hoxe cun acto organizado polo Concello de Santiago, no que se recoñeceu a contribución de varias mulleres e colectivos que forman parte da historia viva da cidade, a prol da igualdade en diferentes ámbitos. Baixo o lema "Mulleres de Compostela", a Sala Mozart do Auditorio de Galicia, acolleu esta tarde a gala de entrega dos galardóns, que foi conducido pola xornalista Paula Pájaro, e que contou coa presenza do alcalde de Santiago, Xosé Sánchez Bugallo, a concelleira de Igualdade, Mercedes Rosón. Tamén asistiron as concelleiras Goretti Sanmartín (BNG), María Rozas (CA) e María Castelao (PP).

Organizado pola Concellería de Igualdade, o evento "Mulleres en Compostela" pretende recoñecer de forma pública a traxectoria profesional e vital dunha serie de mulleres vinculadas a Santiago, e que día a día contribúen a construír unha cidade máis igualitaria, máis social e máis humana.

O grupo musical "As fillas de Cassandra", formado por María Pérez e Sara Faro, foron as encargadas de abrir o acto coa peza "Eco" que foi seguida da intervención da concelleira de Igualdade, Mercedes Rosón, que amosou a súa admiración polas mulleres homenaxeadas que "coma tantas, teñen feito do seu traballo, da súa vida, un exercicio diario de loita pola igualdade". "Por iso", recordou, "é tan importante recoñecer a estas mulleres reais, plurais, diferentes de pensamento e de acción, pero que teñen algo en común: todas nos recoñecemos nelas, todas compartimos a súa aportación á igualdade e á vida de tantas mulleres que veñen detrás".

Mercedes Rosón salientou a importancia desta homenaxe "pra coller forza, pra non perder o camiño, pra mirarnos nestas mulleres que nos fan sentir orgullosas a todas e todos, aínda que non compartamos as súas ideas ou as súas crenzas". A edila recordou que "a loita da muller non pode ser patrimonio de ninguén", senón que "tan plural como plurais somos as mulleres", xa que é nesa pluralidade onde se enriquece, onde se desdogmatiza, onde constrúe a unidade de todas e todos as que levamos tempo facendo camiño".

A continuación as mulleres e colectivos galardoadas foron subindo ao estrado para recoller o galardón de mans do alcalde de Santiago, a concelleira de Igualdade, Mercedes Rosón e as concelleiras Goretti Sanmartín (BNG), María Rozas (CA) e María Castelao (PP).

O alcalde pechou o acto amosando o seu profundo orgullo por todas a mulleres homenaxeadas xa que "todos nos recoñecémonos nos éxitos e nos avances acadados por elas" e expresou o seu sentido agradecemento: "grazas a todas vós o noso mundo e un lugar mellor para vivir". O rexedor recordou que "a muller é a gran discriminada e ignorada na historia da humanidade, aínda que sempre estivo ahí, sacando adiante as familias e facendo grandes aportacións que quedaron acochadas".

Ademais, "o 8M é un momento estupendo para reflexionar sobre o camiño percorrido e o que queda por percorrer, xa que quedan moitas partes do mundo e moitas persoas que viven nunha situación totalmente diferente, polo que aínda queda moito por facer".

Tras a intervención do rexedor, "As fillas de Cassandra" puxeron o punto final ao acto cunha nova actuación musical.

Galardoadas

Durante o acto recoñeceuse e o labor das mestras da escola infantil Raiola, que este ano cumpre 50 anos de vida. Fundado en 1973 no Castiñeiro, este centro mantivo ao longo dos anos o seu compromiso co uso da lingua galega, a difusión da tradición e cultura galega, a igualdade de oportunidades para o alumnado e a participación activa das familias. As mestras agradeceron o recoñecemento a través de un vídeo.

Tamén se quixo homenaxear á Asociación EXERIA de Mulleres Cristiás Galegas, un colectivo que nace no ano 1996 e que reúne a mulleres de toda Galicia que apostan pola defensa da igualdade dentro da Igrexa dende a perspectiva das Teoloxías Feministas. Está asociación tamén se caracteriza polo seu compromiso coa cultura e lingua galega. Marisa Vidal Collazo, presidenta da Asociación de Mulleres Cristiás Galegas, foi a encargada de recoller o galardón.

Tamén recibiron os galardóns a título individual: Ana López-Suevo Fraguela, maxistrada do Poder Xudicial desde 1997 e titular do Xulgado de Instrución nº 1 de Santiago de Compostela, implicada na loita contra a violencia sexual; Piedad Jiménez Jiménez, muller da etnia xitana que loitou durante toda a súa vida pola conciliación da cultura xitana co progreso social das mulleres; Ofelia Rey Castelao, catedrática de Historia Moderna pola USC; María Jesús Reboredo , pintora e expresidenta da Asociación do Traxe Galego; Rosa Álvarez, decana do Colexio de Psicoloxía de Galicia e implicada no tecido comunitario de Vite durante mais de 30 anos; Patricia Porto Paderne, responsable da libraría de mulleres Lila de Lilith; e Tareixa Novo, cantante de Fuxan os Ventos.

Direcciones relacionadas



Compartir: