ALCALDÍA

O Concello intervirá para canalizar as fluviais procedentes da AP-9 e do Monte Gaiás no Viso para evitar desbordamentos

04/03/2023 A ludoteca María Miramontes en Fontiñas conta xa con 430 familias dadas de alta nun sistema pioneiro de conciliación durante todo o ano.

Á espera de manter un primeiro contacto con Demarcación de Carreteras del Estado en Galicia e a Xunta de Galicia para avanzar nos medios de financiación desta actuación, o Concello avanza xa nun proxecto que suporía unha inversión estimada superior aos 150 mil euros para o encauzamento das fluviais procedentes da AP-9 e o Monte Gaiás e que está a provocar incidencias para os veciños do Viso en épocas de chuvia intensa. O propio alcalde e a concelleira de Medio Ambiente mantiveron un encontro cos veciños da zona para coñecer de primeira man esta, e outras necesidades do barrio.

O Viso que limita con outro dos barrios residenciais nos que se ten intervido para recuperar espazos degradados para desfrute dos veciños: Fontiñas. Alí creouse un novo espazo público na rúa do Valiño "solucionando problemas existentes de cambios de cota e de accesibilidade ás vivendas, e converténdoo non só nunha zona de paso da veciñanza senón tamén nun lugar de encontro" explica o concelleiro de Obras. Gonzalo Muíños que recalca ademais que na mesma zona interveuse na beirarrúa cunha inversión de 143 mil euros.

Conciliación os 365 días do ano con 430 familias dadas de alta

A ludoteca María Miramontes que abriu as súas portas hai pouco máis de ano e medio conta actualmente xa con 430 familias dadas de alta e incluso hai días que, o límite de 73 crianzas usuarias ao mesmo tempo do centro quédase corto. Este innovador sistema de conciliación durante todo o ano que puxo en marcha o Concello de Santiago convértese nun "activo para a fixación das familias no barrio das Fontiñas, ao tempo que ofrece facilidades de conciliación ás familias para incentivar a natalidade" explicou o alcalde.

O centro ademais de actividades estimulantes para os máis cativos, ofrece diferentes obradoiros, conta con propostas ao aire libre como o coidado dunha horta e incluso as nenas e nenos participan na elaboración de podcasts.

"Esta é unha das medidas que tomamos para mellorar a calidade de vida das familias, pero tamén se renovaron as instalacións deportivas no barrio das Cancelas e interveuse en varios viarios a través dun contrato cos centros especiais de emprego para mellorar a accesibilidade das beirarrúas" explica Sánchez Bugallo referíndose á renovación do céspede sintético nos campos de fútbol do Sergas e das Cancelas nos que se inverteron preto de un millón de euros.

Nas Cancelas, precisamente, "outro exemplo de rexeneración dos espazos públicos son as fontes que se acondicionaron ao carón do centro comercial". O estanque, de feito, que fora construído en 2012 nunca fora utilizado ata agora e "a mellora deste espazo permitiu a súa recuperación para a realización de actividades culturais ao aire libre" xa que conta con escenario e gradas.

Compartir: