PARQUES E XARDÍNS

Aberta a nova área de xogos infantís inclusiva na rúa Pérez Lugín

03/03/2023 O alcalde de Santiago, Xosé Sánchez Bugallo, acompañado da concelleira de Medio Ambiente, Mila Castro; de Gonzalo Muíños e Marta Abal, do grupo socialista; Xan Duro, de Compostela Aberta; e Ramón Quiroga, do Partido Popular, inaugurou esta tarde o novo parque infantil, no barrio da Pontepedriña, no que se investiron preto de 60.000 euros.

A renovada área de xogos infantís, situada na rúa Pérez Lugín, na que se investiron 60.000 euros, permitirá á cativada do barrio da Pontepedriña, contar cunha área de ocio con xogos que poden ser utilizados con menores con mobilidade reducida. A superficie total da actuación é de 290 metros cadrados, o que supón un incremento de 160 metros cadrados sobre a área de xogo anterior á intervención.

A actuación consistíu na renovación e ampliación do parque infantil e na subministración e instalación dos xogos e o mobiliario necesario. A concelleira de Parques e Xardíns, Mila Castro, explicou ademais que se trata "dun espazo de recreo para as familias que viven neste barrio residencial".

Castro insistiu en que o seu deseño pensouse en criterios de "accesibilidade e inclusión: "é un espazo inclusivo cunha superficie que é transitable e adaptada a persoas con mobilidade reducida" contando incluso cun carrusel de integración pensado para ser utilizado por nenas e nenos en cadeira de rodas.

Os xogos presentan unha resistencia alta ao uso, facilidade de limpeza alta e alto nivel de reciclabilidade. Como pavimento, empregouse caucho amortiguante, e un valado de madeira, que se completa cunha fonte, papeleira e bancos renovados.

Compartir: