IGUALDADE

Preséntase o programa "Artellando Feminismo", a campaña promovida pola Concellaría de Igualdade con motivo do 8 de marzo, Día Internacional da Muller

03/03/2023 Feminismo, teatro, benestar, monólogos, masculinidade tóxica, concertos, saúde mental, coloquios e moitas outros temas e accións conforman un completo programa encamiñado a reivindicar o 8 de marzo e concienciar sobre a importancia do feminismo como ferramenta para acadar a igualdade. A programación foi presentada esta mañá pola concelleira de Igualdade, Mercedes Rosón, acompañada por Teresa Furelos, xefa do Servizo de Políticas Sociais, e Yara Prieto, responsable de proxectos de Artellando Feminismo.

Durante a rolda de prensa, a concelleira Mercedes Rosón recordou a necesidade neste 8M de que "as voces das mulleres se volvan unir para pedir a igualdade real e efectiva" e non "perder os espazos de igualdade conquistados nos últimos anos". "Non podemos esquecer os colectivos máis vulnerables, onde as mulleres se atopan en situacións de discriminación múltiple: por seren mulleres e por teren unha discapacidade, ser dunha raza ou etnia concreta, ter unha determinada idade ou vivir e traballar no rural ou fóra dos grandes núcleos de poboación", engadiu.

O programa arrancará no Auditorio de Galicia o vindeiro luns, 6 de marzo ás 18:00 h, coa gala "Mulleres de Compostela" na que se homenaxearán varias mulleres e colectivos que "forman parte da historia viva da cidade e que se distinguen polo seu labor a prol da igualdade". A continuación, ás 20:00 h, a Escola Municipal de Música acollerá un faladoiro baixo o título "Músicas na música: territorio das mulleres", organizado polo Departamento de Educación do Concello. Na mesa de debate estarán vocalista e compositora, Xiana Lastra; Aitana Cuétara, productora, manager e programadora; Elba Fernández, compositora e diseñadora gráfica e Beatriz Busto, musicóloga e docente.

O día central, o 8 de marzo, terá lugar o fallo de entrega dos premios Xohana Torres ás 11 da mañá no Pazo de Raxoi, seguido pola lectura do manifesto ás 11:30 na praza do Obradoiro.

Mercedes Rosón animou a todas as persoas a participar nestas actividades, que son de balde, e que "nos axudarán a comprender e visibilizar a actual situación da muller e a analizar que aspectos debemos mudar para acadar esa plena igualdade".

Programa Artellando Feminismo

Artellando Feminismo nace da man do Concello no ano 2019 coa finalidade de animar á sociedade compostelá a implicarse de xeito activo na transformación social no ámbito da igualdade. Tras catro anos, Artellando Feminismo conta con entidade propia e converteuse nun referente a prol na igualdade entre a cidadanía compostelá, así como un referente cultural na nosa cidade.

No cadro do programa Artellando Feminismo, celebraranse ao longo do meses de marzo e abril numerosas actividades cunha liña lúdica e pensadas tamén para o entretemento, enfocadas a un público heteroxéneo e con temáticas que abordan cuestións de interese xeral, sempre con perspectiva de xénero.

Dentro do amplo programa desta edición, destaca a obra de teatro "Gordas", na que máis de dez personaxes en situacións e mundos moi diversos interpretan unha comedia na que se reflexiona sobre a delimitación dos espazos segundo a aparencia física. Pódese ver de balde o próximo 29 de marzo, no Teatro Principal.

A obra "Gordas" compartirá cartel con Helena Sotoca, creadora de FEMME SAPIENS, que analizará con ironía, sátira e perspectiva feminista, a situación das mulleres nos diversos ámbitos de desenvolvemento social e o espazo que tivo o colectivo ao longo da historia da Arte.

Nacho Roura e Tamara Pazos, falarannos sobre a parte máis científica da igualdade, no seu coloquio: "Igualdade": unha cuestión de cerebro? A través do cal animarán á reflexión sobre como a diferencia de xénero pode ou non influír en cuestións vencelladas á saúde mental, ás investigacións, etc.

O monólogo de Pablo Piñeiro, faranos cuestionar a masculinidade tóxica, e xerará debate sobre o concepto de "Machos Alfa", tan de actualidade.

Esta edición do programa pretende achegarse de forma especial a toda a mocidade compostelá, para iso contará coa colaboración de Carla Núñez, unha das creadoras do podcast de éxito sobre actualidade e humor en galego Todomalgal, que será a encargada de levar a Artellando Feminismo ás rúas de Santiago para facer reflexionar á cidadanía máis nova, a través de preguntas sinxelas que terán que ir respondendo.

Os vídeos resposta, gravados en formato TikTok/Instagram, iranse colgando en RRSS ao longo dos meses de marzo e abril e recompilaranse nun vídeo resumo final, que se proxectará nun encontro presencial con todas as persoas participantes como invitadas, nun acto de clausura previsto para o vindeiro 25 de abril da man de Claudia Pradas; psicoterapeuta, divulgadora e escritora, que colaboradora de forma habitual en medios dixitais sobre psicoloxía.

Entre as actividades do programa destacan tamén a exposición a pé de rúa: "Elas contan Compostela", da autora Mónica Mura, que encherá as balconadas do centro histórico de Compostela, nunha galería de arte ao aire libre e un acto homenaxe "Xardín das palabras", a cargo das poetisas Olga Nova e Laura Pugno.

Ademais, a Sala Capitol acollerá o 20 de marzo o concerto La Yegros.

Ao longo do mes de marzo o Concello tamén desenvolverá unha campaña nos centros de ensino, no marco do programa Compigual para fomentar a educación en igualdade e a prevención das violencias machistas.

Todas/os elas/es, a través das súas accións, promoverán a creación de espazos de intercambio e aprendizaxe dirixidos a todas as persoas interesadas en acadar unha cidadanía responsable dende a participación activa.

Todas as actividades programadas poden consultarse na web de Artellando Feminismo.

Direcciones relacionadas



Compartir: