MOBILIDADE

A rúa de Concheiros contará cun radar móbil con capacidade sancionadora a partir do vindeiro luns

03/03/2023 Xa no pasado mes de febreiro, o radar funcionou durante unha semana a modo de proba, durante a que se acadou unha media de velocidade de algo máis de 24 km/h.

Será a partir deste vindeiro luns, 6 de marzo, cando o radar móbil comezará a funcionar na rúa dos Concheiros e conlevará a imposición de multas a todos aqueles condutores que superen o límite de velocidade de 20 km/h establecido nesta rúa de prioridade peonil. A ubicación do radar poderá ir variando en función das necesidades na circulación detectadas pola Policía Local.

A Concellaría de Mobilidade e Seguridade Cidadá prega aos/ás condutores/as que respecten os límites de velocidade e agarda que a colocación do radar supoña unha redución da velocidade media para garantir a seguridade dos peóns que transitan a rúa.

A velocidade ten unha influencia directa na causalidade e na severidade dos accidentes de tráfico. Con velocidades de condución máis altas, o número de sinistros e a súa gravidade aumentan desproporcionadamente. Así, levar unha velocidade adecuada podería evitar practicamente unha cuarta parte dos mortos en accidente de tráfico.

A incidencia da velocidade é especialmente alta no caso dos atropelos, xa que a partir de 80 km/h é prácticamente imposible que un peón se salve nun atropelo. A unha velocidade de 30 quilómetros por hora, o risco de morte do peatón redúcese ao 10%.

A velocidade tamén inflúe na distancia de detención, que será a suma da distancia de reacción e a distancia de freado. Estará en función da velocidade, do tempo de reacción do condutor, das condicións técnicas do vehículo e do estado do firme da calzada. Por termo medio, a 120 quilómetros por hora necesitamos para deternos unha distancia superior a un campo de fútbol.

Compartir: