MOBILIDADE

4.500 escolares pasarán polo parque de educación viaria de Amio este ano

02/03/2023 O parque de educación viaria, instalado no recinto feiral de Amio, recibirá ao longo do 2023 a visita de máis de 4.500 alumnos e alumnas de 25 centros educativos de Compostela. O alcalde de Santiago, Xosé Sánchez Bugallo e o concelleiro de Mobilidade e Seguridade Cidadá, Gonzalo Muíños, achegáronse esta mañá a Amio para coñecer de primeira man as actividades educativas desenvolvidas polo Departamento de Educación Viaria da Policía Local.

O alcalde de Santiago, Xosé Sánchez Bugallo, e o concelleiro de Mobilidade e Seguridade Cidadá, Gonzalo Muíños, visitaron esta mañá o parque infantil de Amio, onde alumnos e alumnas de 6º de educación primaria estaban a participar nunha das sesións do programa "Son conductor de bicicleta", na que tomarán parte arredor de 1.100 alumnos de 25 centros da cidade.

Esta actividade, que se desenvolverá ao longo do mes de marzo e a primeira quincena do mes de abril, consta dunha sesión teórica na que se fai fincapé nas normas do uso da bicicleta e no comportamento seguro como peóns, seguida por unha sesión práctica no parque de tráfico cos karts e bicicletas. O obxectivo é que todos os rapaces teñan a oportunidade de ser condutores e peóns para que se decaten da responsabilidade que teñen en cada momento en evitar un accidente de tráfico.

Programa anual no parque de Amio

En total, ao longo deste ano 2023, pasarán polo Parque de Educación Viaria de Amio 4.500 alumnas e alumnos educación infantil e primaria, ESO e bacherelato, procedentes de 25 centros educativos de Santiago.

Entre outros, impartiranse os programas "Xeraldina viaxa connosco", dirixido aos nenos/as de infantil; "Móvete seguro con moito olliño", para o alumnado de primaria; "Asegura a túa vida", para o de 3º da ESO ou "Ti controlas, ti decides", para o de 1º bacharelato. Estas sesións enmárcanse no Programa de Educación Viaria da Policía Local, que inclúe diversas accións formativas con alumnos/as de diferentes idades co obxectivo de formar e educar á cidadanía en seguridade viaria. Tamén se realizarán cursos dirixidos ao alumnado de educación especial e á terceira idade.

Nas sesións, cada grupo recibe unha parte de formación teórica, e logo unha práctica no propio parque, pintado de forma permanente na nave A do recinto feiral de Amio e que ocupa un espazo de máis de 1.200 metros cadrados. A instalación conta con todos os elementos necesarios para que os rapaces e rapazas se familiaricen coas normas de circulación e cos sinais de tráfico, e tamén para que coñezan as habilidades básicas para moverse polo espazo urbano como peóns/oas, ciclistas ou condutores/as. Para iso, ademais da sinalización horizontal, tamén hai semáforos e sinais verticais, nun circuíto que se pode percorrer a pé, en bicicleta, en karts a pedais ou patinetes.

Charlas sobre lecer nocturno

A concellería de Seguridade Cidadá e a Policía Local tamén lanzaron o pasado mes de outubro un ciclo de charlas sobre lecer nocturno dirixido á mocidade compostelá. Esta iniciativa xurdiu como resposta ao incremento de condutas incívicas asociadas directa e indirectamente ao lecer nocturno detectadas pola Policía Local e está deseñada para mozos e mozas con idades comprendidas entre os 16 e os 17 anos.

As sesións desenvólvense nos centros de ensinanza de secundaria do municipio e centranse na normativa, infraccións e riscos existentes relacionadas co lecer nocturno, así como nas condutas incívicas reguladas polas Ordenanzas do Concello (Ordenanzas de Convivencia e Ruidos) e a Lei de Prevención de Consumo de bebidas alcohólicas (Lei 1172010).

Compartir: