ALCALDÍA

O alcalde entrega o título de fillo adoptivo de Santiago a Ubaldo Rueda, ex-director do IES Rosalía de Castro

01/03/2023 Ubaldo Rueda Soto, profesor e director do IES Rosalía de Castro durante máis de 30 anos, foi o protagonista dun acto de recoñecemento celebrado esta tarde no Teatro Principal, no que estivo acompañado por familiares e amigos así como diversas autoridades políticas e da comunidade educativa. O homenaxeado asinou no Libro de Ouro da Cidade e recibiu o pergamiño de Fillo Adoptivo da cidade de mans do alcalde de Santiago.

O acto, que tivo lugar ás 19.00 h no Teatro Principal, contou coa presenza de Xosé Sánchez Bugallo, alcalde de Santiago; concelleiros de todos os grupos municipais; Román Rodríguez, conselleiro de Cultura da Xunta; Antonio López, reitor da USC, así como membros da dirección e antigos alumnos do IES Rosalía de Castro e amigos e familiares do homenaxeado. Antes de comezar o cerimonia, Ubaldo Rueda asinou no Libro de Ouro da Cidade.

O acto arrancou cunha actuación musical a cargo das alumnas da Escola Municipal de Música Estela Pereira González (piano) e Lía Ferrer Ben (violonchelo), que interpretaron a peza Negra Sombra (Juan Montes), e deron paso á lectura do acordo de concesión do título de Fillo Adoptivo de Santiago a Ubaldo Rueda, a cargo do concelleiro de Turismo, Sindo Guinarte.

Sería o xornalista Manuel Fraga, o encargado de ler unha laudatio coa que fixo un percorrido pola traxectoria vital e profestional do garlardoado, desde a súa infancia e xuventude na aldea de Vide e no Seminario de Lugo no que "meteu polos seus ollos ávidos unha morea de libros, que falaban de máis mundos, doutras ideas, doutras vidas", pasando pola súa marcha á París onde residiu durante dez anos e que "segue a ser o seu refuxio", ata a súa volta a Santiago, cando toma posesión da súa praza no IES Rosalía de Castro.

Na súa intervención, Fraga salientou algúns dos logros de Ubaldo Rueda nos seus anos á fronte do IES Rosalía, como a creación da sección deportiva do centro ou de premios "consolidados que coñecemos todos" como o literario San Clemente de literario, o de Ensaio Bento Spinoza ou o Stephen Hawking para Xoves Investigadores. O xornalista definiu ao homenaxeado como "un home convencido e comprometido co ensino público de calidade", "creador de espazos para que o alumnado, ao que sempre defendeu, puidese soñar sen límites", "sempiterno loitador cos poderes públicos, tan imbatible como conciliador" e "veciño que tivo conciencia da universalidade de Santiago e soubo aliñarse coa misión da cidade".

Unha nova actuación musical deu paso a un vídeo homenaxe á figura de Ubaldo Rueda, seguido por unhas sentidas palabras do alcalde, Xosé Sánchez Bugallo, que lle agradeceu o seu labor como activista cultural en prol da educación pública: "o teu proxecto educativo traspasou as paredes da aula e fixeches de Compostela o encerado no que debuxar eses soños da infancia á que te esforzaches en educar". Sánchez Bugallo destacou que o proxecto educativo de Ubaldo "tornouse nun proxecto cultural de toda a cidade, facéndonos a todos partícipes desa forza da infancia". A continuación o rexedor fixo entrega ao homenaxeado do Pergamiño de Fillo Adoptivo da cidade, que Ubaldo Rueda pasou a agradecer na súa intervención.

O acto pechouse cunha nova actuación musical a cargo das alumnas da Escola Municipal de Música que interpretaron a peza Alfonsina y el Mar (Ariel Ramírez).

Ubaldo Rueda Soto

Nado en 1948 en Vide (Monforte), Ubaldo Rueda estudiou o bacherelato no Seminario de Lugo e en 1968 marchou a París, onde residiu dez anos e traballou, entre outras cousas, como profesor no Liceo Español. En 1977, tras aprobar a oposición de secundaria, incorporouse ao instituto Rosalía de Castro como profesor de francés. No curso 1985-86, asumiu a dirección do centro, cargo que ocupou ata a súa xubilación no ano 2018.

Durante os seus 33 anos de mandato desenvolveu unha serie de iniciativas que permitiron unha profunda transformación do centro: construíuse o polideportivo e o salón de actos; puxéronse en marcha proxectos que contribuíron de xeito excepcional á calidade da educación como o Bacharelato Internacional ou o Club de baloncesto. Tamén impulsou o lanzamento de certames de gran prestixio como o Premio Literario San Clemente, o Premio de Ensaio Bento Spinoza e o Premio de Investigación Stephen Hawking. Nestes anos promovéronse tamén relacións de intercambio con diferentes países do mundo: Francia, Reino Unido, Rusia, EEUU, Australia e Portugal. Todos os logros acadados converten a Ubaldo Rueda nun referente do ensino público galego.

Na actualidade segue a formar parte da directiva do Casino de Santiago, desde onde impulsou a creación do Premio de Novela Europea Casino de Santiago e do Premio Lorca, Guerra do Cal, Blanco Amor.

Compartir: