PROMOCIÓN ECONÓMICA

Arrancan os Encontros Emprendedores no marco da Axenda Urbana 2030

23/02/2023 A Axenda Urbana de Santiago continúa o seu programa de participación cidadá coa posta en marcha do ciclo Encontros Emprendedores. A primeira das citas terá lugar o martes 28 de febreiro de 10.00 a 12.00 horas e levará por título 'Territorio, paisaxe e diversidade. Dinamizando colectivamente o territorio a través da arte'.

A asistencia é de balde, previa inscrición a través deste formulario: https://forms.gle/kjGM3onaqqJHtqqAA. Pódese consultar máis información a través do enderezo electrónico encontrosaxendaurbana2030@gmail.com

O ciclo ofrecerá un total de 10 encontros -un por mes- na sede do Mercado Galego da Creatividade (na rúa Caldeirería). Clara Cordeiro, integrante de 7H Cooperativa Cultural, será a protagonista desta primeira xornada, na que partillará coas persoas asistentes a experiencia derivada dos proxectos desenvoltos arredor da dinamización rural e urbana a través da arte e do diálogo comunitario. Este primeiro Encontro Emprendedor finalizará cun debate colectivo no que se exporán diferentes ideas arredor desta temática, procurando en todo momento unha dinámica altamente participativa.

Encontros emprendedores

O programa Encontros Emprendedores ten coma fin dar a coñecer as principais liñas de acción da Axenda Urbana 2030 de Santiago de Compostela e tamén facer as veces de espazo de encontro, debate e coñecemento arredor de proxectos empresariais salientables vencellados aos 10 obxectivos da Axenda Urbana Española, resaltando a súa relación coas 6 Dimensións Estratéxicas da Axenda Urbana 2030 de Santiago.

Os Encontros Emprendedores continuarán nos vindeiros meses coas seguintes temáticas:

Marzo: Modelo de cidade
Abril: Cambio climático e resiliencia
Maio: Xestión sostible dos recursos e economía circular
Xuño: Mobilidade e transporte
Xullo: Cohesión social e igualdade de oportunidades
Agosto: Economía urbana
Setembro: Vivenda
Outubro: Era dixital
Novembro: Gobernanza

Direcciones relacionadas



Compartir: