SEGURIDADE CIDADÁ

A Policía Local de Santiago celebra mañá o seu 175 aniversario nun acto no que se fará entrega das medallas de permanencia aos axentes con máis de 30 anos de servizo

21/02/2023 O Auditorio de Galicia será mañá, a partir das 18:00 horas, o escenario do acto conmemorativo do 175 aniversario da Policía Local de Santiago, que reunirá a numerosos representantes institucionais e dos distintos corpos e forzas de seguridade. Durante o evento farase entrega das medallas de permanencia a 55 axentes que forman parte da Policía Local desde hai más de 30 anos.

Begoña del Río Martínez, policía local e responsable da Agrupación de Voluntarios de Protección Civil, será a encargada de conducir o acto que pretende recoñecer o importante papel da Policía Local nos seus 175 anos de vida e homenaxear o labor dos compañeiros e compañeiras que traballan para o corpo desde hai máis de 30 anos coa entrega dunha medalla.

O acto contará coas intervencións de José Ramón Silva Dieste, intendente da Policía Local; Belén Sixto Seco, primeira muller en formar parte da Policía Local de Santiago; e Xosé Sánchez Bugallo, alcalde de Santiago.

O momento central da gala será a cerimonia de entrega das medallas de permanencia aos 55 membros do corpo, 3 deles mulleres, cunha antigüidade de máis de 30 anos.

Actos do sábado, 25 de febreiro

Con motivo dos actos de celebración do 175 aniversario, o vindeiro sábado 25 de febreiro, terá lugar unha formación da Policía Local na praza do Obradoiro, que virá seguida dunha ofrenda ao Apóstolo na Catedral de Santiago.

Compartir: