FESTAS

A carroza "Oroso West" e a comparsa "As 150 do Cornes-Carril" gañan o concurso do desfile do Entroido

21/02/2023 Compostela viviu o día grande do Entroido con tradicional desfile polas rúas da cidade. Os participantes concentráronse na avenida de Ferrol para logo desfilar polas rúas de Frei Rosendo Salvado, praza Roxa, República do Salvador, Hórreo, Senra e avenida de Xoán Carlos I. A entrega de premios celebrouse na Sala Capitol, coa presenza do alcalde, Xosé Sánchez Bugallo, e doutros integrantes da Corporación municipal.

A triunfadora da noite na modalidade de carrozas foi a denominada "Oroso West", de Sigüeiro, que levou o premio de 3.000 euros. Segunda e terceira clasificadas quedaron "O xardín das bolboretas", de Portonovo (Sanxenxo), e "Encontros no espazo", de Santiago, que levaron, respectivamente, 2.000 e 1.000 euros.

Na categoría de comparsas, o xurado elixiu como gañadora a titulada "As 150 do Cornes-Carril", de Santiago, que recibiu un galardón de 2.400 euros. "O xardín das bolboretas", de Portonovo (Sanxenxo), e "O Bosque Máxico de Inma", de Santiago, quedaron en segundo e terceiro lugar, levando 2.000 e 1.000 euros, respectivamente.

Tamén recibiron premios especiais as mellores comparsas dos barrios e parroquias de Santiago de Compostela, que se fixeron con 1.200, 600 e 400 euros como agasallo. As triunfadoras foron, por esta orde, "Fantasía de Damas e Guerreiros", de Laraño; "A ruliña de Laraño está no universo", de Laraño; e "A Corte dos Borbóns", de Conxo.

O xurado elixiu a "Batman e Robin-Caballeiros de Gotham", "O camiño é un paseo pola costa" como os mellores grupos caracterizados. Para eles foron os premios de 800, 400 euros. O terceiro premio quedou deserto.

A parella máis orixinal foi a denominada "Deuses do xeo", que recibiu un premio de 400 euros. Finalmente, os mellores disfraces individuais foron "Soñando coa batuta", "O dedo" e "Funko Peliqueiro", premiados con 300, 200 e 100 euros, respectivamente.

Queima do Meco

O Entroido 2023 remata "oficialmente" hoxe ás 20:00 h co acompañamento do Meco dende o Toural, que fará o seguinte percorrido: rúa Nova, rúa do Vilar, rúa da Senra, rúa de Doutor Teixeiro, rúa da República do Salvador ata chegar á praza Roxa, onde será queimado arredor das 21:00 h. Acompañarán ao Meco unha comitiva de loito amenizada pola música das comparsas Conformistas de Conxo, A Ruliña de Laraño, Os Armatroulas de Laraño e a Charanga BB+.

O sábado 25 de febreiro aínda se poderá desfrutar da festa co desfile das Xeneraliñas da Semente ás 12:00 h, vivas e atranques ás 12:30 h na praza de Cervantes, os Entroidos rurais en Compostela de 18.00 h a 19.30 h e co Entroido de Conxo (durante todo o día), organizado pola Coordinadora de Festas Tradicionais do barrio.

Compartir: