XUNTA DE GOBERNO

A Xunta de Goberno aproba a cesión dunha parcela á Consellería de Sanidade para a construción do aparcadoiro do CHUS

20/02/2023 A Xunta de Goberno local acordou hoxe a segregación da parcela municipal que xa alberga o Centro de Investigación de Medicina Molecular (CIMUS) e o Centro de Biomedicina Experimental de Galicia (CEBEGA), para a cesión da superficie restante de de 3.563,53 m2 ao SERGAS co fin de construír un espazo de estacionamento para os usuarios e usuarias do Hospital Clínico. O alcalde deu conta deste e doutros asuntos tratados en Xunta de Goberno nunha rolda de prensa que tivo lugar esta maña.

O alcalde explicou que "será necesario facer un pequeno reaxuste nesta parcela EU-7 do Plan Parcial do SUP-5 da CHOUPANA dunha superficie 15.000 metros cadrados" que permitirá habilitar un aparcadoiro público na parte da parcela que linda coa rúa Mestre Mateo e a rúa Eira da Palleira. Con esta adaptación, "desde o Concello poñemos a disposición da Consellería de Sanidade unha parcela de máis de 3.500 m para solventar o problema e saturación do tráfico na contorna do CHUS", engadiu. A Consellería de Sanidade contará cun prazo de seis meses para aceptar esta cesión e durante este prazo deberá presentar unha memoria xustificativa dos fins de utilidade pública e interese social do proxecto, as súas características, así como acreditar suficiencia de recursos para a tramitación da correspondente figura patrimonial por parte de Concello.

Sánchez Bugallo tamén anunciou "a entrada por rexistro da solicitude da Comunidade Autónoma para a posta en marcha do centro de protonterapia nas instalacións do CHUS" e explicou que "unha vez recibamos o anteproxecto, porémonos a traballar para preparar a autorización para a súa construción". "A miña intención sería levar a Pleno a Declaración de Interese Xeral Municipal desta actuación e a partir de ahí, emitir o informe favorable".

O rexedor recordou que "tanto a construción do centro de protonterapia como a ampliación do CHUS, aínda que suporán unha mellora notable na calidade do servizo, empeorarán a situación xa crítica do estacionamento, debido á redución do número de prazas dispoñible e ao aumento de demanda nas instalacións hospitalarias" polo que a cesión da parcela podería constituír a solución a unha situación "urxente e seria".

Convocatorias de premios

Ademais, a Xunta de Goberno deu luz verde á convocatoria deste ano do "Premio Xohana Torres de ensaio, investigación e creación audiovisual sobre as mulleres na sociedade galega". Trátase dun premio de ensaio, investigación e creación audiovisual que organiza a Concellaría de Igualdade en colaboración coa USC, a través dun convenio aprobado tamén no día de hoxe, co obxectivo de potenciar a presenza e o recoñecemento social das mulleres en todos os ámbitos da sociedade; facer visible as súas diversas achegas ao longo da historia; promover a igualdade efectiva de mulleres e homes; e erradicar as diferentes formas de discriminación e desigualdade que viven a día de hoxe as mulleres. Ás bases establecen dúas modalidades: ensaio/investigación ou creación audiovisual, cunha dotación 2.500 € cada unha.

Tamén se aprobaron as bases de subvencións do "Premio Internacional Compostela de Álbums Ilustrados", que convoca o Departamento de Educación do Concello de Santiago coa editorial Kalandraka, cunha dotación de 9.000 euros; así como as bases da convocatoria do "Premio Exeria de creación literaria ano 2023", ao que o Concello destinará un importe de 3.000 euros. Este premio vai destinado a proxectos de creación literaria de autores/as residentes en Compostela que necesiten dun tempo e un espazo para desenvolver a súa obra a través dunha estadía de creación literaria na residencia Al Mamal na cidade de Xerusalén.

Ademais, tamén se aprobaron dous convenios de colaboración, o primeiro entre o Concello de Santiago e a Deputación da Coruña para a organización do Festival Rosalía 2023, que terá lugar os vindeiros días 24 e 25 de febreiro, por un importe total de 6.206,83 €, e o segundo coa empresa DECATHLON ESPAÑA, SA. para o desenvolvemento de actividades formativas no ámbito da seguridade viaria e a prevención de accidentes no relativo ao manexo e condución de bicicletas.

Outros temas

No tocante a obras e proxectos, acordouse a solicitude de subvención para acometer o proxecto de "Actuacións de mellora no pavimento de varios viais no polígono do Tambre", consistentes no fresado da capa de rodaxe que se atopa en mal estado e a posterior aplicación de 5cm de mestura bituminosa, realizándose o saneo do firme nas zonas máis deterioradas. Tamén se inclúe a pintura dos viais nas zonas afectadas pola rexeneración do firme.

A Xunta de Goberno tamén aprobou hoxe o expediente de "Subministración de dispositivos portátiles para o uso en mobilidade e teletraballo da solución de administración electrónica", cofinanciado polo Fondo Europeo de Desenvolvemento, cun orzamento base de licitación de 54.900,00 € (base impoñible de 45.371,90 € máis IVE do 21% por importe de 9.528,10€), do que se abrirá o procedemento de adxudicación.

Tamén se de luz verde á adxudicación dun contrato que ten por obxecto a subministración e implantación dunha solución web integrada para a xestión de facturas e a aplicación de xestión contable do Concello de Santiago, ubicándoas nun único servidor, tarefa asignada á empresa AYTOS SOLUCIONES INFORMÁTICAS SL por un importe total de 129.808,80 € (base impoñible: 107.280,00 €, IVE do 21%: 22.528,80 €), sendo a súa a única oferta presentadas.

Compartir: