ALCALDÍA

Nova pista de voleibol en Conxo e en execución a renovación da pista de skate e o novo espazo de pumptrack

18/02/2023 O alcalde sigue reivindicando para a zona de Santa Marta-A Choupana un novo aparcadoiro para o Hospital Clínico que de servizo ás miles de persoas "tamén de fóra do noso municipio que teñen o CHUS como hospital de referencia". Tamén en materia de servicios, cree necesaria a creación dunha nova gardería no barrio.

Só falta pintar a nova pista de voleibol que xa está practicamente rematada no barrio de Conxo, concretamente na rúa Emilia Pardo Bazán. Máis de 30 mil euros destináronse á creación desta nova infraestrutura que se atopa nun parque urbano de 7.452 metros cadrados e no que se están executando dúas instalacións deportivas máis: un pumptrack de asfalto e a renovación da pista de skate.

Son preto de 50 mil euros os que se destinan á renovación da pista de skate de 877 metros cadrados que se ubicaba na parte baixa deste novo espazo deportivo multiusos. O que se está a realizar, segundo explica a concelleira de Parques e Xardíns, Mila Castro é "reformar e actualizar unha pista deportiva que quedara obsoleta, creando novas ramplas de formigón e deseñando un novo circuíto de skate con liñas e obstáculos diferentes".

Ao outro lado da pista de voleibol tamén avanzan as obras do pumptrack de asfalto que terá unha superficie de 440 metros cadrados. Nel proxéctase a construción de 8 novos elementos denominados Quarter, Slappy, Hip, Corner, Plano inclinado, Bordillo con manual, Wallie e Pirámide con slappy. Un trazado de 3 rectas e 6 curvas configurará este espazo no que de forma inminente comezarase a asfaltar o circuíto, para completar a actuación co axardinamento da contorna.

A esta actuación súmanselle outras que se teñen acometido no barrio de Santa Marta co propósito de "recuperar espazos para a veciñanza, os que eles e elas mesmos nos piden" explica o alcalde. Exemplo disto é a zona cuberta de usos múltiples situada no espazo contiguo ao Centro Socio Cultural e a súa Sala Agustín Magán que conecta ademais co parque infantil e coas canchas deportivas: "o propósito desta actuación era dotar o barrio dun espazo exterior cuberto para desenvolver distintas actividades" explicou Sánchez Bugallo, que destacou ademais a intervención executada no propio centro para mellorar o funcionamento da instalación de climatización e ventilación no que se inverteron preto de 50 mil euros.

Mobilidade e servizos en Santa Marta

O alcalde insistiu unha vez máis na necesidade de acompañar a ampliación do Hospital Clínico, da construción dun novo parking que dea servizo a todos os usuarios do CHUS "a meirande parte deles doutros municipios veciños", que permita mellorar a mobilidade na zona da Choupana. Recorda que desde decembro, "estamos pendentes dunha reunión coa consellería de Infraestruturas para poder abordar os temas de conectividade do hospital".

Sánchez Bugallo lembrou que o Concello de Santiago aportou dous aparcamentos "para servizo do centro hospitalario", que suman "preto de 800 prazas": o de rotación de Santa Marta, que é de balde, e o soterrado que hai a carón do Hospital Clínico. E agora, recalca, "ofrecemos un terreo para a construción dun novo aparcamento que, entendemos, por razóns de xustiza, debería ser equivalente ao resto de aparcamentos que son titularidade do Sergas", nas principais cidades galegas, caracterizados, engadiu, "por unhas tarifas máis modestas", e nos que o investimento, recorda, "foi asumido pola propia consellería".

Tamén no ámbito educativo, insistiu na necesidade de crear unha nova gardería que dea servizo a un barrio que ten experimentado un grande crecemento, para o que se está traballando na mellora dos servizos: "estamos traballando no proxecto para a construción dun complexo deportivo en Santa Marta que incluirá piscina climatizada" explicou Sánchez Bugallo.

Recuperación de espazos para usos sociais en Conxo

Liña moi semellante de actuación estase a seguir nas actuacións exectudas e en marcha para o barrio veciño de Conxo. "Logo de acondicionar a contorna do Carballo de Conxo, dalgunha maneira, amparados por esa campaña do tree of the year, agora vimos de presentar a restauración do Ecosistema Fluvial do río Sar ao seu paso polo Banquete de Conxo" explicou o alcalde.

Trátase dun proxecto que conta cun orzamento de preto de un millón de euros e que conta co apoio da Fundación Biodiversidad do Ministerio para la Transición Ecológica y el Reto Demográfico (MITECO) no marco do Plan de Recuperación, Transformación y Resiliencia (PRTR), financiado pola Unión Europea – NextGenerationEU.

O obxectivo da intervención e recuperar un espazo de gran riqueza ambiental e paisaxística, como tamén histórica. Realizarase un inventario dos recursos naturais da contorna e un estudo hidrolóxico do leito e do caudal do río Sar. Ademais, impulsaranse accións de estabilización das marxes do río, recuperación do antigo leito do Regado de Chaián e recuperarase a vexetación autóctona.

Outros 600.000 euros destinaranse ao proxecto de conectividade tamén no barrio de Conxo que, ao tempo que crea un novo espazo, ‘Antonio Fraguas’ para o "desfrute da cidadanía" tamén se "cosen" as dúas zonas do barrio que quedaran partidas coa SC-20, de xeito que se desconxestiona de tráfico a rotonda do periférico.

"Non son os únicos plans que temos para facer un Conxo máis habitable, tamén estamos traballando na repavimentación da Praza da Nosa Señora da Mercé" que está pendente de aprobación e suporá unha inversión de 120.000 euros.

Compartir: