FESTAS E CENTROS SOCIOCULTURAIS

Arrancan as Festas do Entroido este sábado co desfile do Meco e o pregón de Talía Teatro

17/02/2023 O tradicional desfile do Meco dará o pistoletazo de saída a un Entroido que recupera o desfile de disfraces tras o parón pola pandemia. Este sábado ás 20.00 h, o Meco partirá da praza do Obradoiro acompañado polos Conformistas de Conxo, A Ruliña de Laraño e Os Armatroulas de Laraño, ata quedar instalado no Pazo de Bendaña da praza do Toural, dende onte terá lugar o pregón de inicio das festas a cargo de Talía Teatro.

Antes, pola mañá, poderase ir abrindo boca cos obradoiros para os máis pequenos no Espazo Apego (11.00 h e 12.30 h) ou coa animación a cargo da Asociación Folclórica Colexiata do Sar que levará a música e os cantares de Entroido da comarca de Santiago polas rúas da cidade entre as 18.30 e as 20.00 horas.

Concurso infantil de disfraces

O domingo 19 haberá animación de rúa dende as 10.30 horas coa comparsa Os Conformistas de Conxo e cos Entroidos de Vilariño de Conso e Santiago de Arriba (Chantada). Pola tarde tomará o relevo a comparsa A Ruliña de Laraño, acompañada pola charanga Europa.

A cita central da xornada será o Festival Infantil de Disfraces que, como é habitual, se celebrará na Sala Capitol e no que poderá participar calquera neno ou nena menor de 14 anos, con entrada libre e inscrición previa (entre as 16.30 h e as 17.45 h). Haberá baile, sorteo de agasallos e concurso de disfraces en tres categorías: individual, parella ou grupo. Os premios son doados por El Corte Inglés.

Os nenos e nenas serán tamén os protagonistas das propostas programadas para o luns 20 de febreiro. No CSC Maruxa e Coralia haberá obradoiros de máscaras divertidas entre as 10.00 e as 14.00 horas, con reserva de prazas no propio centro. Pola tarde tamén haberá pasarrúas coa charanga Bicoia e os Armatroulas de Laraño, dende a praza Roxa ata a rúa de San Pedro.

Martes de Entroido

O día grande do Entroido, o martes 21, arrincará co obradoiro de caretas peliqueiras que se celebrará no CSC Maruxa e Coralia de 10.00 a 14.00 horas.

Xa pola tarde, terá lugar o agardado desfile de Entroido, tras tres anos sen el por mor da pandemia, que partirá da avenida de Ferrol ás 17.30 horas e que percorrerá as rúas Frei Rosendo Salvado, praza Roxa, República do Salvador, Hórreo, Senra e avenida de Xoán Carlos I. Ao remate do percorrido, os participantes concentraranse na Sala Capitol, onde a partir das 20:00 horas terá lugar a presentación do espectáculo Entroidanzas, con Pesdelán, e, posteriormente, a entrega dos premios do desfile.

No desfile do Martes de Entroido vanse repartir preto de 16.000 euros en premios en seis categorías: carrozas, comparsas, grupos, mellor parella, mellor disfrace individual e mellor comparsa de parroquias ou barrios do Concello de Santiago.

Xa ao día seguinte, o mércores 22 de febreiro, Santiago despedirá o Entroido coa Queima do Meco na praza Roxa, despois do seu desfile dende a praza do Toural pola rúa Nova, rúa do Vilar, Senra, Doutor Teixeiro e República do Salvador. Todas as persoas que o desexen que deberán vestir rigoroso loito para a ocasión.

Xenerais da Ulla

A programación complétase co Entroido tradicional dos Xenerais da Ulla que o sábado 25 protagonizará o desfile das Xeneraliñas da Semente ás 12.00 h dende Santa Clara e con remate na praza de Cervantes, onde ser poderán escoitar os tradicionais vivas e atranques. Tamén haberá ocasión de vivilos nas parroquias de Marrozos (sábado 11), Angrois (domingo 12), Aríns (sábado 18) e O Eixo (domingo 19). Neles está inspirado o cartel deste ano, obra do deseñador Álex Rozados.

O propio día 25 de febreiro aínda se poderá desfrutar da festa cos Entroidos rurais en Compostela de 18.00 h a 19.30 h e co Entroido de Conxo (durante todo o día), organizado pola Coordinadora de Festas Tradicionais do barrio.

Entroido nos Centros Socioculturais

A pataca será a protagonista do Entroido nos CSC, xa que constitúe o tema central da súa comparsa, na que participarán unhas 250 persoas de 15 centros: Vite, Santa Marta, Pontepedriña, Sar, San Lourenzo, Ensanche, Figueiras, Bando, Lavacolla, Marantes, Busto, Nemenzo, Villestro, A Gracia e A Peregrina.

Na tarde do martes, día 21, a comparsa 'As patacas de Compostela' da rede de Centros Socioculturais sairá no desfile de Entroido. A quedada pataqueira será o sábado 25 de febreiro. Está programado un percorrido con diferentes puntos de saída, ata xuntarse todos e todas as participantes na Praza da Quintana, onde a cativada poderá gozar cunha tarde de xogos.

Como noutros anos, o Meco manda nas redes. Así que desde o 13 ao 21 de febreiro, poderanse compartir as fotos de Entroido nas redes sociais dos centros socioculturais, enviandoas directamente ao facebook dos CSC, ou empregando os cancelos #NoEntroidoPretoDeTi ou #CentrosSocioculturaisPretoDeTi.

Ademais, como en anos anteriores, realizarase concurso de disfraces na rede, obradoiros de cociña de entroido e actividades de dinamización. Os barrios tamén celebrarán os seus propios entroidos: os xeneraliños no Castiñeiriño, a festa rechamangueira nas Fontiñas, o feirón de entroido en Santa Marta, a comparsa de Maruxa e Coralia e os tunos composteláns no CSC da Cidade Histórica, ou a festa do entroido en Conxo, con entrega de premios aos mellores disfraces.

Desfile infantil de Entroido dos barrios das Fontiñas e de San Pedro

O sábado 18 de febreiro de 2023 o barrio de San Pedro e das Fontiñas serán escenario dun desfile con motivo das festas de Entroido, dirixido á cativada acompañada das súas familias. O obxectivo é ofertar unha actividade de lecer axeitada á idades das persoas participantes sendo así un percorrido curto e sinxelo que rematará en Área Central cunha gran festa.

O desfile é unha actividade organizada por diferentes entidades dos barrios de San Pedro e das Fontiñas: o Espazo de Lecer María Miramontes, o Centro Sociocultural das Fontiñas, o Centro Xuvenil Don Bosco, Área Central, Construíndo Barrio e Movemento pola Paz. Esta coordinación intercentros ten como principal obxectivo fomentar a identidade dos barrios e a participación da comunidade sendo ademais unha oferta divertida e dinámica para os nenos e as nenas.

A actividade partirá ás 16.30 h do Centro Xuvenil Don Bosco. A primeira parte da comitiva subirá pola rúa de San Pedro ata rúa dos Concheiros, facendo a primeira parada no Centro Sociocultural das Fontiñas. Aquí estará agardando o resto de entidades participantes para continuar, arredor das 17.00 horas aproximadamente, o percorrido bordeando Área Central (rúa Lisboa, Londres e París) ata entrar ao centro pola porta de Alcampo. Unha vez en Área Central, comezará a festa a cargo de Anymus (na planta -1) cunha duración aproximada de 1 hora e 30 minutos.

A temática do desfile será o filme oitenteiro "Fama" (a temática non é obrigatoria). A veciñanza pode poñerse en contacto co seu centro de referencia que ofertará talleres de creación de complementos para o disfrace.

Para participar na actividade é fundamental achegarse en familia e inscribirse a través dalgún centro colaborador.

Obradoiros:

No caso do Espazo de lecer María Miramontes será: sábado 11 de febreiro de 2023, de 11:00 a 13:00 e de 17:00 a 19:00. Previa inscrición

No centro Don Bosco: o día 9 de febreiro de 2023 de 18:30 a 19:30. Previa inscrición.

No centro sociocultural de Fontiñas: os días 9, 10, 16 e 17 de febreiro de 2023 de 18:30 a 19:30 (aula de xogo 1) e de 18:00 a 20:00 (aula de xogo 2). Previa inscrición

Itinerario:

Percorrido 1 - Centro xuvenil Don Bosco - CSC Fontiñas
(Só o realizan as persoas usuarias do Centro Xuvenil)
Hora aproximada de saída 16:30-17:00
Rúa Belvís ata Rúa San Pedro.
Rúa San Pedro ata Rúa Concheiros.
Rúa Concheiros ata Avenida de Lugo.
Avenida de Lugo ata Rúa Berlín.
Rúa Berlín parando en CSC Fontiñas.

Percorrido 2 - CSC Fontiñas - Área Central
(Aquí únense ao resto de participantes)
Hora aproximada para continuar 17:00 - 17:30
Rúa Berlín ata Rúa Lisboa.
Rúa Lisboa ata Rúa Londres.
Rúa Londres ata Rúa París.
Rúa París ata Área Central (porta de Alcampo).

Direcciones relacionadas



Compartir: