IGUALDADE

Marisol Soengas ofrecerá unha conferencia sobre a actualidade do cancro o vindeiro venres 17 no Teatro Principal de Santiago ás 20 horas

14/02/2023 A microbióloga Marisol Soengas ofrecerá o vindeiro venres, 17 de febreiro, no Teatro Principal de Santiago unha charla coloquio no marco do ciclo de conferencias "Mulleres na cima". Esta actividade, organizada pola Fundación Araguaney-Puente de Culturas coa colaboración do Concello de Santiago, a Xunta de Galicia e a Universidade de Santiago de Compostela (USC), foi presentada hoxe en rolda de prensa no hotel Eurostars Araguaney polo presidente da Fundación Araguaney-Puente de Culturas, Ghaleb Jaber Martínez, e a concelleira de Acción Cultural do Concello de Santiago, Mercedes Rosón.

Marisol Soengas, xefa do Grupo de Melanoma do Centro Nacional de Investigaciones Oncológicas (CNIO) e presidenta da Asociación Española de Investigación sobre el Cáncer (ASEICA), impartirá a conferencia titulada "Cáncer: se puede y se debe", moderada pola oncóloga médica Teresa Curiel. A actividade terá entrada de balde ata completar o aforo do Teatro Principal.

Ghaleb Jaber Martínez agradeceu as institucións colaboradoras o seu apoio –Concello de Santiago, Xunta de Galicia e USC–. Destacou que a Fundación Araguaney-Puente de Culturas traballa desde os seus inicios pola "diversidade e respectos entre culturas e persoas, como as mulleres". "O obxecto desta conferencia é dar visibilidade ao traballo das mulleres científicas, como é o caso de Marisol Soengas" –dixo–.

Igualmente, Fernando Méndez mostrou o seu agradecemento ao Concello de Santiago que desde o minuto un apostou por esta iniciativa no seu camiño por facer cidade e territorio para todos. "Queremos xerar debate e difundir coñecemento desde a tolerancia, achegando a sociedade temas sobre divulgación científica do cancro" –sinalou–. Tamén incidiu en que a bióloga molecular Marisol Soengas é unha muller na cima, "unha eminencia mundial en melanoma" que responderá ás dúbidas e preguntas do público asistente á conferencia.

Pola súa parte, Mercedes Rosón, facendo referencia ao Día da Muller e a Nena na Ciencia celebrado o pasado 11 de febreiro, apuntou que un dos obxectivos do Concello é visibilizar a figura da muller polo que resultou moi importante colaborar neste ciclo de conferencias enfocado á igualdade. Sinalou que Soengas é unha muller que ten moito que contar e aportar no campo da investigación científica. Facendo referencia a unha cita de Soengas, Rosón explicou que a recente presidenta da ASEICA considera que é fundamental que as mulleres investigadoras sexan máis visibles e acaden postos de responsabilidade, pero poñendo o foco na necesidade de comezar este traballo nas primeiras etapas educativas.

A charla constará de catro bloques temáticos:
-1º bloque: Divulgación e actualidade sobre o cancro. Falará de divulgación motivacional, actualidade sobre o cancro, perspectiva psicolóxica e terapéutica, e relación médico-paciente.
-2º bloque: 40º aniversario de ASEICA.- Teresa da paso al 2º bloque. Comentará os principais ítems da asociación nestas catro décadas que levaron á entidade a ser un referente na defensa e impulso dos investigadores e investigadoras na oncoloxía.
-3º bloque: Investigacións. Marisol Soengas analizará as súas investigacións sobre o cancro de pel.
-4º bloque: Coloquio. Preguntas do público.

O ciclo de conferencias "Mulleres na cima" ten como obxectivo achegar a sociedade en xeral, e a mocidade en especial, a opinión que destacadas mulleres –líderes sociais e culturais, científicas, artistas e académicas– teñen sobre os temas de maior interese no ámbito da igualdade, así como coñecer as súas experiencias profesionais, os seus retos de superación e o seu labor vinculado ao empoderamento da muller. #MulleresNaCima

Traxectoria profesional das protagonistas

Marisol Soengas González (Agolada, 1968) é bióloga molecular polo Universidad Autónoma de Madrid. É xefa do Grupo de Melanoma do Centro Nacional de Investigaciones Oncológicas (CNIO) e presidenta de ASEICA. É experta internacional na investigación básica e aplicada do melanoma. Os seus traballos pubicáronse en revistas científicas de gran impacto, incluíndo Nature, Cell, Cancer Cell, Science, Nature Medicine e Nature Communications. Ademais, Soengas é cofundadora da empresa bioteconolóxica Bioncotech Therapeutics (agora Highlight Therapeutics). Esta empresa é a primera en España en levar un axente inmunomodulador a ensaios clínicos en pacientes.

Os éxitos profesionais de Soengas recoñecéronse con máis de 20 premios, entre os que destacan o "Outstanding Research Investigator Award" da Society for Melanoma Research (SMR), o Premio "Constantes y Vitales" da Fundación AtresMedia, a Praca de Honra da Asociación Española de Científicos, ou o Fritz Anders Medal da European Society of Pigment Cell Research. Recibiu hai pouco o premio Premio Pezcoller – Marina Larcher Fogazzaro for Women in Science da European Association for Cancer Research, concedido en recoñecemento a súa traxectoria científica. A científica é membro da Real Academia Nacional de Farmacia (RANF), da Real Academia de Farmacia de Galicia (RAFG) e da Real Academia Galega de Ciencias (RAGC).

Soengas é tamén unha activa defensora da muller na ciencia, actividade pola que recibiu premios como o "Women in Science Research Team Science Award" de L’Oreal-Melanoma Research Alliance ou o premio "Elsa Medrano Memorial Award", entre outros. Por este motivo, está implicada en alentar as vocacións científicas entre as nenas e as mulleres, para reducir a brecha de xénero e reverter os estereotipos de xénero. Ademais, é fundadora, xunto a outras mulleres, do grupo "Mulleres Influentes de Galicia" para promocionar o talento das galegas. Por todo isto e máis, Soengas formou parte do Top 100 de Mulleres Influíntes de España (grupo Mujeres & Cía) nas edicións de 2018 e 2019 e actualmente na de 2023.

Teresa Curiel García é licenciada en Medicina pola USC, especializada en oncóloga médica. Traballa como médico especialista no Servizo de Oncoloxía Médica do Hospital Universitario de Santiago de Compostela e en HM hospitales. É membro do Grupo de Oncoloxía Traslacional del Hospital Clínico Universitario de Santiago. Realizou estancias externas en MD Anderson de Houston, en Paul Brousse de París e na Unidade de Desenvolvemento de Novos Fármacos de Sarah Cannon Research Institute de Londres. É membro do Grupo Español Multidisciplinar de Melanoma (GEM), de SOLTI, da Sociedade Oncolóxica de Galicia (SOG-Galicia), da Sociedad Española de Oncología Médica (SEOM) e da Sociedade Europea de Oncoloxía Médica (ESMO).

Desenvolveu unha importante actividade investigadora con varios ensaios clínicos como investigador principal, sendo ademais partícipe da investigación traslacional en tumores sólidos fundamentalmente en cancro de mama e melanoma. Co Grupo de Oncoloxía Traslacional do Instituto de Investigación Sanitaria de Santiago (IDIS) traballa en catro áreas de investigación: Oncoloxía Médica Traslacional, Nano Oncoloxía, Modelización, Biopsia Líquida e Unidade de Ensaios Cínicos, desenvolvendo a súa actividade en células tumorais periféricas, modelos avanzados de biopsia líquida e estudos do proceso de metástase e a súa posible utilización na clínica.

Compartir: