XUNTA DE GOBERNO

Aprobados os procedementos de apertura de prazo de solicitudes e admisión da Escola Municipal de Música para o curso 2023/2024

13/02/2023 A Xunta de Goberno Local aprobou hoxe os procedementos e apertura dos prazos de reserva de praza, solicitudes de admisión e matrícula na Escola Municipal de Música para o curso escolar 2023-2024, nas que se distingue entre renovación de praza e alumnado de novo ingreso. Para o novo alumnado, o prazo de preinscrición establécese entre o 5 e o 25 de maio.

No caso de haber máis solicitudes que prazas realizarase un sorteo público o 7 de xuño. A partir do 8 de xuño, someteranse a exposición pública as listas provisionais de admitidos na primeira convocatoria; ao tempo que se abre un período de reclamacións de dez días naturais. A partir do 19 de xuño, faise pública a relación definitiva de alumando admitido, que deberá formalizar a matrícula do 22 ao 29 de xuño de 2023.

No proceso de renovación de praza para o alumnado do centro, cómpre distinguir entre:

- Alumnado de iniciación musical II (2º de Educación Primaria)

Publicación das prazas extraordinarias de instrumento: 13 de marzo

Presincrición: do 20 ao 24 de marzo de 2023

Sorteo público interno: 28 de marzo de 2023

-Alumnado de música e movemento, PEX (Plan Educativo Xeral) e PEPA (Plan Educativo para Persoas Adultas):

Renovación de praza: do 17 ao 27 de abril de 2023

Exposición pública de prazas vacantes da 1ª convocatoria: 4 de maio.

Na páxina web da EMMS, expoñerase a acta do sorteo e as listaxes coa data e hora para elixir horario. Dita información tamén será remitida por correo electrónico ao alumnado e familias.

Durante a elección de horario, que se realizará a través da plataforma Zoom, confirmaranse os datos do alumno ou alumna e enviarase por correo electrónico o formulario de matrícula que cómpre cubrir e asinar, a ficha médica, a autorización de dereitos de imaxe de cada alumno ou alumna, o título de familia numerosa, se é o caso, e a autorización para saír do centro das persoas menores de idade.

Os prazos oficiais de solicitude e matrícula para novo alumando son do do 5 ao 25 de maio de 2023, unha vez se publiquen as listas de vacantes. As persoas interesadas en matricularse poderán presentar a solicitude do seguinte xeito:

-Telematicamente: a través da sede electrónica do Concello de Santiago (https://sede.santiagodecompostela.gal/) onde deberán escoller o trámite "Inscrición na Escola Municipal de Música".

-Presencialmente: no Rexistro Xeral do Concello de Santiago (rúa do Presidente Salvador Allende 4, Galeras), ou en calquera das formas previstas no artigo 16.4 da Lei 39/2015 do 1 de outubro, de procedemento administrativo común das Administracións Públicas.

Contratación

O Goberno Municipal acordou adxudicar a prestación do Servizo de conserxería e limpeza en varias instalacións deportivas do Concello de Santiago de Compostela, por dous anos, á empresa Lacer Servicios y Mantenimiento S.A, por un importe total 1.750.961,08 euros. Trátase, segundo a proposta, da oferta máis vantaxosa das presentadas, xa que, entre outras melloras, se compromete a unha bolsa de 400 horas no servizo de conserxería e outra de 200 horas no de limpeza; e a instalar 10 illas ecolóxicas.

Tamén se adxudicou o contrato que ten por obxecto, a prestación do "Servizo de limpeza e desinfección de dispositivos de auga quente sanitaria e auga fría de consumo humano para o control e prevención da contaminación por lexionela nas instalacións deportivas municipais" á empresa Saniastur, S.L. por un importe total 48.400 euros e un prazo de dous anos.

A Xunta de Goberno tamén aprobou o proxecto de repavimentación da Praza da Nosa Señora da Mercé de Conxo, cun orzamento de licitación de 120.478,93 euros; e o proxecto de rehabilitacióin do colector de saneamento na Av. de Vilagarcía, que sae a licitación por 69.976,83 euros.

Ademais, aprobouse o proxecto construtivo de "Acondicionamento do trazado de ferrocarril en desuso Santiago de Compostela-Cerceda para uso como Vía Verde de Compostela-Tambre-Lengüelle / Tramo 1" segundo informe de supervisión da Deputación da Coruña; que conta cun orzamentos de licitación de 796.766,58 euros. Actuarase sobre un trazado de 2,165 quilómetros, no que se atopan dos túneles, acondicionándoo para camiñantes e ciclistas, así como para persoas que presenten algún tipo de discapacidade.

Bonos corazón

Aprobouse, ademais, a concesión e xustificación das axudas dos Bonos Corazón Compostela. O importe total xustificado pola entidade colabora ascende a 1.237.091,37 euros, polo que quedaría un remanente de 12.908,63 euros sen gastar por parte das persoas usuarias. O Concello de Santiago destinou a estes bonos un total de 1.250.000 euros.

Compartir: