CENTROS SOCIOCULTURAIS

Inaugurada a exposición "As cores da memoria. O retrato como dignificación", no centro sociocultural Maruxa e Coralia

11/02/2023 A concelleira de Acción Cultural e Centros Socioculturais, Mercedes Rosón, inaugurou este mediodía no centro Maruxa e Coralia da cidade histórica, a exposición "As cores da memoria. O retrato como dignificación"; xunto ao seu autor, o pintor Alfonso Martínez López.

Esta mostra é o resultado dun traballo de "loita contra a desmemoria. Pequenas fotografías en branco e negro serviron como base documental para a realización dun conxunto de 19 retratos ao óleo sobre tela de homes e mulleres galegas represalidas pola dictadura fascistas. Unha exposición, en palabras de Mercedes Rosón, que supón "un recoñecemento para aquelas persoas anónimas que loitaron pola liberdade e a democracia", e que foron castigadas por elo. Unha mostra, engadiu a concelleira na súa intervención, "que lle pon luz a nosa memoria histórica".

"As cores da memoria" é un proxecto ideado no marco das xornadas homenaxe ás vítimas da dictadura, celebradas en 2021 no concello de Teo, impulsadas por Miguel Paz Cabo, historiador; e Carme Rodríguez Rey, politóloga e xurista. O xérmolo foi o debate que se deu neste encontro sobre a importaica da cor no eido comunicativo como fórmula de achegamento ás "realidades ocultadas". Nesta tarefa uniuse o proxecto Alfonso Martínez, licenciado en Belas Artes e profesor de secundaria; que aceptou a encarga de darlle unha nova visión a aquelas pequenas fotografías en branco e negro.

Os primeiros retratos realizounos en tinta sobre papel. Pero, de xeito paralelo, comezou a madurar a idea de dignificar a todos estes loitadores e loitadoras. E o óleo é a técnica que ao longo dos séculos dignificou aos protagonistas da nosa historia.

Cobran así vida estes 19 óleos sobre tea, imprimados en óxido de ferro, que se poden ver ata abril no Centro Sociocultural Maruxa e Coralia.

As cores da memoria é unha viaxe ao pasado inmediato que imprega o retrato como instrumento de dignificación e a cor como ferramenta de proximidade. Unha viaxe que neste centro comezou o día da súa inauguración, o 9 de novembro, con outra exposición sobre a figura doutro represaliado, Florencio Delgado Gurriarán; e que se completa con distinto material recompilado para a publicación "Os cadernos escolares da II República", de Miguel Paz Cabo e Víctor M. Santidrián Arias, que tamén está exposto, neste mometno, no centro sociocultural Maruxa e Coralia.

O acto inaugural rematou cunha actuación do músico Xosé Constenla.

Compartir: