ALCALDÍA

O Concello impulsará este ano a reforma do Campus Sur, a ampliación do carril-bici e o novo Centro de Inclusión Social

11/02/2023 Estes proxectos, xunto a dúas actuacións en Pontepedriña, forman parte da EDUSI e contan cun investimento de máis de dous millóns de euros

O Concello de Santiago impulsará neste ano 2023 diferentes obras e proxectos que forman parte da EDUSI de Compostela, cun investimento de máis de dous millóns de euros para potenciar os espazos peonís, mellorar a mobilidade sostible e a accesibilidade, e avanzar na inclusión social.

Un dos proxectos foi aprobado esta mesma semana na Xunta de Goberno Local. A reurbanización da praza de León do barrio de Pontepedriña permitirá redeseñar o espazo cun investimento de 201.979,60 euros.

A actuación, ademais de solucionar os problemas de comunicación e accesibilidade existentes, contempla a integración dunha zona de xogo, o redeseño da pavimentación e un axardinamento da contorna.
"Todas as actuacións que forman parte da EDUSI dan resposta ao noso modelo de cidade, dando continuidade á humanización dos espazos urbanos para recuperar o protagonismo das persoas e os transportes limpos, e priorizando o noso obxectivo dunha Compostela máis inclusiva e accesible", asegura o alcalde de Santiago, Xosé Sánchez Bugallo.

Tamén en Pontepedriña, o concello realizará unha actuación de 158.150,81 euros para mellorar a accesibilidade e conectividade do barrio mediante a creación dun novo paso a través do río Sar. O proxecto inclúe a pavimentación e axardinamento da zona, ademais da eliminación de barreiras arquitectónicas.

Campus Sur

O Concello de Santiago ten entre as súas prioridades a curto prazo a renovación integral do Campus Sur para mellorar a mobilidade e a accesibilidade da zona, aumentando os espazos peonís e reorganizando o acceso de vehículos.

Cun investimento de 419.392,16 euros, o concello peatonalizará a zona central do Campus Sur, poñendo en valor o patrimonio histórico e acometendo unha reurbanización completa. Tamén reordenará os xardíns e zonas verdes, nunha actuación que pretende impulsar este espazo para o ocio e o lecer dos veciños.

Carril Bici

Outro dos proxectos da EDUSI que desenvolverá o concello este ano é a incorporación ao deseño urbano da cidade dunha rede de itinerarios sostibles que permita fomentar a utilización da bicicleta.

Nunha primeira fase, cun investimento de 308.519,4 euros, habilitaranse catro quilómetros de carrís-bici nas rúas Amor Ruibal, Hórreo, avenida de Lugo e avenida Romero Donallo, que darán continuidade ao carril bici xa dispoñible na avenida Clara Campoamor.

Inclusión Social

O Concello de Santiago porá en marcha un Centro Integral para a Inclusión Social no parque de Belvís, en concreto no edificio que acolle actualmente o Centro de Interpretación Ambiental de Compostela (CIAC).

Cun investimento dun millón de euros, o edificio terá un área de acollida e de intervención social, un área de atención socio-educativa e de atención socio-sanitaria, e un área de incorporación social. O obxectivo do centro é atender e reintegrar na sociedade ás persoas sen fogar ou en risco de exclusión social.

Estes proxectos forma parte da EDUSI de Santiago de Compostela, cofinanciada nun 80% polo Fondo Europeo de Desenvolvemento Rexional da Unión Europea (Programa Operativo Plurirrexional de España 2014-2020).

Compartir: