URBANISMO

Mercedes Rosón: "na regulación das VUT seguimos o rumbo marcado desde o principio"

10/02/2023 O Goberno municipal recorda que a regulación do mantemento das actividades e usos preexistentes estaba recollida dende o inicio na modificación do Plan Xeral, concretamente no artigo 120. Polo tanto, segundo subliña a concelleira de Urbanismo, Mercedes Rosón, "non pode ser sorpresa ningunha para quen leu a normativa. É o rumbo que este goberno marcou dende o principio".

"Nestes últimos catro anos levamos traballando intensamente na regulación das vivendas de uso turístico na nosa cidade", sinala Mercedes Rosón. E engade: "sempre dixemos o mesmo, non estamos en contra das VUT tan só queremos regular a súa actividade. Non foi esta concelleira, nin este goberno, o que quixo ou quere manter esta cuestión nun debate de uns contra outros. Para nós o importante e traballar no interese xeral da cidade, e iso e o que guiou en todo momento a nosa actuación".

O próximo xoves, 16 de febreiro, levarase a pleno a Modificación puntual do PXOM na regulacións dos usos. Unha vez aprobada, o departamento de Urbanismo comezará co proceso de aprobación dunha ordenanza complementaria a esta normativa que regule, entre outros aspectos, a declaración de Mantemento de Actividades e Usos Preexistentes (MAUP).

A liña na que traballa a Concellaría de Urbanismo é que esta ordenanza se aplique en tres supostos de incompatibilidade:

1. Aquelas actividades que teñen titulo municipal habilitante antes da entrada en vigor da nova ordenación.

2. Aquelas actividades consolidadas que se desenvolven de forma pacífica e continuada coas seguintes condicións:
- Sen titulo habilitante municipal.
- Inicio da actividade con anterioridade ao 16 de decembro de 1989.
- Non son susceptibles de legalización co planeamento agora vixente.

3. Aquelas actividades que, no momento en que se iniciaron, tiñan as condicións necesarias para seres legalizables, pero non solicitaron o titulo habilitante municipal. Neste suposto deberase cumprir simultaneamente as seguintes condicións:
- Esa actividade sería autorizable co planeamento vixente no momento en que se iniciou.
- Dita actividade foi iniciada con anterioridade á suspensión de licenzas publicada no DOG o 27 de decembro do ano 2019.

Nos supostos dous e tres os titulares da actividade deberán solicitar expresamente a declaración de MAUP acreditando a súa implantación con anterioridade da data correspondente, e o cumprimento dos requisitos técnicos e sectoriais que correspondan.

Como xa se sinalou, despois da aprobación da modificación do PXOM comezará un proceso para a aprobación da dita ordenanza, proceso que implicará unha consulta pública coa participación dos axentes implicados e a veciñanza, a aprobación inicial da ordenanza no órgano correspondente, e a exposición pública, alegacións, e aprobación definitiva.

Compartir: