XUNTA DE GOBERNO

A Xunta de Goberno acorda solicitar á Deputación da Coruña a achega de casi 125.000 euros asignada a gastos sociais

09/02/2023 A Xunta de Goberno Local, reunida en sesión extraordinaria, aprobou a participación do Concello de Santiago no Plan Provincial de Cooperación ás obras e servizos de competencia municipal (Plan Único de concellos) POS+2023 da Deputación da Coruña para o financiamento dos gastos sociais extraordinarios do exercicio 2023. En concreto, acordou solicitar ao organismo provincial a aplicación da achega asignada a gastos sociais por importe de 124.847,93 euros.

A maior parte desta achega, 100.000 euros, sería para reforzar os dispositivos e axudas económicas de atención a persoas sen fogar, en concreto, para o mantemento do Servizo Municipal de atención a emerxencias sociais (SEMUS), a través do establecemento dun Convenio coa Cruz Vermella.

O SEMUS cubre as urxencias de carácter social cando os Servizos Sociais Municipais non están operativos, realizando as súas intervencións no lugar onde se xera a urxencia, cun tempo de resposta moi breve e ofrecendo solucións acordes ao contexto no que se producen. Trátase dun servizo especializado que dirixe a súa atención a persoas especialmente vulnerables e que padecen situacións de risco que se presentan de forma imprevista.

O SEMUS está dispoñible os 365 días do ano, entre semana en horario de 00:00 a 08.00 h. e de 15.00 h. a 24.00 h., e sábados, domingos e festivos 24.00 h. En todas as situacións que atende emítese informe aos servizos sociais municipais co obxecto de valorar a ncesidade de dar continuidade ou realizar seguimento á situación atendida.

O resto da partida está previsto destinala á ampliación e dotación das partidas municipais destinadas a axudas de emerxencia ás persoas soias ou familias en risco de exclusión social (1.733,54 euros) e á ampliación do SAF, o Servizo de Axuda no Fogar (23.114,39 euros).

Documentos relacionados



Compartir: