IGUALDADE

A activista Amelia Tiganus relata a súa experiencia na prostitución a alumnado de tres centros de ensino de Santiago de Compostela

09/02/2023 A activista feminista Amelia Tiganus relatará este venres a súa experiencia persoal para abandonar a prostitución ao alumnado de Bacharelato de tres centros de ensino de Santiago, o IES Antonio Fraguas, o IES Xelmírez I e IES Rosalía de Castro. A actividade está organizada polos equipos de Igualdade dos centros -en colaboración coa Concellaría de Igualdade do Concello de Santiago- que están a traballar nun programa de actividades conxuntas na que se insire a conferencia de Tiganus, unha das principais voces na defensa da abolición da prostitución.

Amelia Tiganus é rumana e estivo sometida á trata e á explotación sexual en España, onde pasou por numerosos prostíbulos. No ano 2007 logrou saír do inferno da prostitución e desde aquela vive no País Vasco e dedícase, como activista abolicionista, a dar testemuño da súa experiencia, a denunciar a situación de escravitude e maltrato ao que son sometidas as mulleres no mundo prostitucional e a reivindicar a erradicación de toda esta violencia que remata en moitos casos en feminicidios (que ademais non contan nas cifras oficiais).

Amelia imparte talleres de sensibilización e charlas por todo o estado e publicou en 2021 a exitosa obra 'La revuelta de las putas. De víctima a activista', na que desde formulacións feministas e abolicionistas fai un estudo ben documentado das causas e consecuencias que a prostitución ten para as vítimas en particular e para a sociedade en xeral. Nese mesmo ano publícase tamén a banda deseñada 'Amelia, historia de una lucha', baseada na súa vida e dirixida especialmente á rapazada.

A actividade que este venres terá lugar no auditorio en horario de mañá (de 10 a 12 horas) enmárcase no proxecto de colaboración dos equipos de Igualdade dos tres centros de ensino e conta coa colaboración da Concellaría de Igualdade do concello de Santiago de Compostela.

Compartir: