CENTROS SOCIOCULTURAIS

O novo centro sociocultural Maruxa e Coralia programa unha exposición de Alfonso Martínez e un obradoiro de escritura creativa con Suso de Toro

09/02/2023 O centro sociocultural Maruxa e Coralia da Cidade Histórica, que abriu as súas portas o pasado 9 de novembro, programa para estas datas dúas actividades: un obradoiro de escritura creativa con Suso de Toro, que comeza este venres 10; e unha exposición fotográfica que se inaugurará o sábado 11.

O escritor Suso de Toro será o encargado de impartir o obradoiro de escritura que terá lugar os segundos e cuartos venres de cada mes, en horario de 19.00 a 20.30 horas. Comezará mañá, venres 10 de febreiro, e para participar só será preciso inscribirse no propio centro. É de balde.

A sede do centro Maruxa e Coralia será escenario tamén dunha exposición de Alfonso Martínez López. Baixo o título ‘As cores da memoria. O retrato como dignificación’, recolle unha serie de pequenas fotografías en branco e negro que serviron como base documental para a realización dun conxunto de 19 retratos ao óleo sobre tea de homes e mulleres galegas represaliadas pola dictadura.

O acto de inauguración, que contará coa actuación musical de Xosé Constenla, será o sábado 11 de febreiro ás 12.00 horas.

Compartir: