XUNTA DE GOBERNO

A Xunta de Goberno aproba o proxecto de acondicionamento do primeiro tramo da Vía Verde, entre a antiga estación da Sionlla e o límite con Oroso

21/11/2022 A Xunta de Goberno aprobou hoxe o proxecto de "Acondicionamento do trazado de ferrocarril en desuso Santiago de Compostela-Cerceda para uso como Vía Verde de Compostela-Tambre-Lengüelle / Tramo 1", que conta cun orzamento de execución material de 796.766,58 euros, IVE incluido.

O proxecto de acondicionamento do primeiro tramo da vía Verde, ten por obxecto o acondicionamento deste trazado ferroviario da liña Santiago - A Coruña entre as inmediacións da antiga estación da Sionlla de Abaixo e o límite do termo municipal co Concello de Oroso, nas inmediacións do núcleo de Sigüeiro, nas próximidades de Bálsoma, que quedou en desuso coa entrada en servizo do novo eixo Atlántico de alta velocidade. Está previsto acondicionalo para camiñantes e ciclistas así como para persoas que presenten algún tipo de discapacidade.

Actuarase sobre 2,165 quilómetros, que non producirán afección algunha sobre bens de interse cultural ou xacementos arqueolóxicos, xa que non afecta directamente a ningún elemento catalogado, ao discurrir o proxecto sobre a plataforma xa existente do antigo ferrocarril.

O tramo a rehabilitar contempla un trazado no que se atopan dous túneles. Un a medio quilómetro da estacion da Sionlla, que discorre baixo a N-550 e conta con 454 metros de lonxitude, que se atopa nun bo estado xeral, segundo o informe do proxecto, aínda que presenta filtracións, máis importantes nos longos periodos e choiva.

O segundo túnel, de 385 metros de lonxitude, transcorre baixo o Monte Cacheiro e o Camiño de Santiago Inglés, na variante de Agualada. Atópase máis deteriorado que o anterior, cun nivel elevado de filtracións de auga.

Entre as actucións que se van realizar figura a roza e retirada de vexetación e cascallos e lixos, no seu caso; o reperfilado e nivelación da capa de balasto existente; o estendido e compactación dunha capa de zahorra de espesor medio 15 cm.; e o perfilado e execución de cunetas.

As solucións sinaladas aseguran unha gran accesibilidade, xa que permiten o percorrido de todo tipo de bicicletas, de cadeiras de rodas, de carriños de bebés e de persoas con minusvalías. A maiores, confire un gran atractivo á Vía Verde, pois permite que os usuarios a perciban como un "novo produto", perfectamente definido e diferente doutros existentes, e que facilita o percorrido e acceso aos puntos de interese.

Tamén está prevista a instalación de elementos de protección, como varandas, elementos de sinalización e elementos auxiliares, como indicación de puntos quilómetricos, pivotes extraíbles, aparcabicicletas e bancos e mesas nas áreas de descanso; e a iluminación dos túneles con lámparas leds, alimentadas por paneis solares.

Por outra banda, o executivo municipal tamén aprobou o proxecto de mellora dos accesos á Almáciga, no tramo da rúa Pastoriza, que conta cun orzamento máximo de execución de 331.735,79 euros, IVE incluido. E de luz verde tamén o expediente de "Subministración uniformidade aos axentes de novo ingreso", cun orzamento base de licitación de 39.432 euros.

Adxudicacións

A Xunta de Goberno Local tamén adxudicou varios contratos. Entre eles o de "Subministración de caldeiros e bolsas compostables para a recollida separada domiciliaria de biorresiduos de grandes xeradores no Concello de Santiago, financiado polo Plan de Recuperación, Transformación e Resiliencia, a través dos Fondos Europeos, Next GenerationEU, á empresa Alqui-Envas SL, cun importe de adxdicación de 88.431,64 euros.

Adxudicouse tamén o lote 1 do "Estudo sobre a memoria do barrio" e o lote 2 do servizo "Análise da madurez comercial dos barrios de Compostela e das dificultades individuais de acceso ao emprendemento entre colectivos máis sensibles" no marco da EDUSI "Revive Santiago" cofinanciada nun 80% polo FEDER. O primeiro á USC que presentou unha oferta económica de 13.310 euros; e o segundo á empresa Business Factory SL, que presentou a mellor oferta económica, por importe de 35.304,17 euros.

Por outra banda adxudicouse o servizo de "Subministración de roupa do vestiario de parque para o servicio de extinción de incendios e salvamento", á empresa Allwork Vestuario Laboral SL, por un importe total de 49.758,83 euros.

O goberno municipal tamén acordou adxudicar o contrato que ten por obxecto a "Subministración de dúas motocicletas para a Policía Local", á empresa a Next Motorbike SL, por un importe total de 26.851,98 euros. Adxudicouse, ademais, o contrato de "Subministración do software GIS "ELA Small Government ESRI" á empresa ESRI España Soluciones Geoespaciales SL, que presentou unha oferta económica de 115.390,44 euros, para tres anualidades.

Outros acordos

Na reunión do executivo, tamén se acordou o compromiso do Concello de Santiago de Compostela coa iniciativa Slowlight e a sinatura da súa acta institucional.

A iniciativa Slowlight persegue obter mellores contornas a través da luz, tanto no ámbito urbano como rural, mediante a creación de espazos nocturnos en harmonía, nos que a noite recupera protagonismo, a través dunha iluminación acougada, entendida como aquela que "se achega mediante unha luz equilibrada e axustada ás necesidades mínimas".

Actualmente o Concello de Santiago está a desenvolver políticas que persiguen iluminar dun modo responsable utilizando a luz de forma segura, saudable, emocional, confortable e eficiente. A estos efectos, considerase moi oportuno comprometerse con esta iniciativa, xa que permitirá establecer unha liña de colaboración estratéxica coa Asociación Slowlight para visibilizar o problema da contaminación lumínica, transmitir á cidadanía a importancia do uso responsable da iluminación artificial e dispor dun motor de coñecemento coas ferramentas técnicas e administrativas aplicables á xestión de redes de iluminación.

A Xunta de Goberno aprobou, por outra banda, o borrador de convenio co Clube de Ximnasia Rítmica Viravolta, e a subvención nominativa ao seu favor por un importe de 4.000 euros.

Compartir: