SMARTIAGO

O proxecto Xemelgo de Smartiago finaliza as súas actividades en aberto e prepárase para o Living Lab

21/11/2022 A empresa adxudicataria da proposta para unha mobilidade sostible, Itera Técnica, xa iniciou contactos con algúns colaboradores. O Living Lab é un espazo de interacción aberta e desenvolvemento de solucións tecnolóxicas innovadoras.

Itera Técnica, unha das empresas promotoras do proxecto Xemelgo Dixital, enmarcado na iniciativa Smartiago, impulsada polo concello de Santiago, finalizou esta semana as súas actividades en aberto, sesións nas que se presentaron o Living Lab SmartWay (un espazo de interacción aberta e desenvolvemento de solucións tecnolóxicas innovadoras que se iniciará proximamente) e a posta en marcha do proxecto desde o punto de vista científico e de financiamento.

Ás sesións asistiron representantes de institucións e empresas privadas relacionadas coa tecnoloxía ou a innovación, así como persoas cun interese máis persoal no proxecto do Xemelgo Dixital da iniciativa Smartiago. Durante a súa duración, o público aprendeu a usar e acceder á plataforma SmartWay e a participar no Living Lab a través de diferentes roles: usuario, colaborador ou como asistente ás actividades. A un nivel máis científico explicáronse os pasos para a modelización do movemento da cidadanía coa ferramenta Pathfinder, ademais da simulación da mobilidade na cidade de Santiago.

As persoas ou entidades interesadas en coñecer máis en detalle o Xemelgo Dixital deberán rexistrarse na web para obter datos sobre as simulacións de mobilidade.

Modelización e simulación

Nas sesións, os relatores explicaron que o obxectivo do proxecto Xemelgo é sentar as bases para unha xestión intelixente da mobilidade na capital galega. Para isto, realizouse a construción dun modelo plenamente funcional de Santiago que representa con razoable precisión a realidade, permitindo así simular como se moven as persoas dentro do espazo físico da cidade.

Para realizar a modelización empregouse o software Pathfinder, de Thunderhead Engineering, e a linguaxe de programación R para a xeración de scripts. O Pathfinder proporciona unha interface gráfica para o deseño e execución de simulacións, así como ferramentas de visualización 2D e 3D para a análise de resultados.

O modelo final da zona permite visualizar a simulación nun día concreto a partir de datos reais obtidos a través de sensores colocados en diferentes puntos, segundo o día da semana, ou mediante datos elixidos polo usuario. Esta ferramenta tamén proporciona información sobre o número de persoas por rúa e permite definir rexións nas que medir a ocupación ou ‘pechar’ rúas virtualmente e analizar os cambios nos fluxos de desprazamento dos cidadáns modificando parámetros como o número de viandantes, a súa velocidade ou o tipo de comportamento.

Financiamento

Na xornada de capacitación en financiamento abordáronse as diferentes formas de poñer en marcha o proxecto Xemelgo Dixital ao respecto das axudas, subvencións ou programas. Ademais, tratáronse diversas oportunidades para obter financiamento a nivel rexional, destacando as axudas promovidas pola Axencia Galega de Innovación (GAIN), nacional e europea. Neste último caso destacou Horizonte Europa, o novo programa de investimento en investigación e innovación da Unión Europea para o período 2021-2027 (o seu predecesor é o H2020).

Proxecto Xemelgo

Dentro da liña de actuación de mobilidade atópase a iniciativa do Xemelgo Dixital, impulsado pola empresa Itera Técnica, que versa na creación dun modelo plenamente funcional e o máis preciso posible á realidade que permitirá simular como se moven as persoas no centro e no centro histórico de Santiago de Compostela.

Para levar a cabo este proxecto substituíronse 22 bancos de mobiliario urbano en puntos estratéxicos da cidade que, xunto á App móbil SmartWay Smartiago, permite coñecer os comportamentos dos peóns.

Este prototipo de simulación virtual dos fluxos de mobilidade permitirá ao Concello de Santiago deseñar novas políticas de actuación ou prever futuros impactos na contorna urbana como, por exemplo, posibles aglomeracións en determinados eventos.

Smartiago

O Concello de Santiago impulsa a iniciativa Smartiago en liña coa súa estratexia para responder os retos de innovación implicando no proceso a axentes do Sistema de I+D+i local, rexional e nacional. O seu obxectivo principal é a posta en marcha dun conxunto de solucións tecnolóxicas innovadoras no ámbito das cidades intelixentes encamiñadas a converter a capital galega na primeira iniciativa que busca eficiencia, máxima aplicabilidade e adaptación de I+D ás problemáticas das Cidades Patrimonio no seu conxunto, de maneira que os resultados sexan altamente escalables, eficientes e replicables noutras cidades ou contornos nos que o Patrimonio Histórico sexa un atributo distintivo das mesmas

O proxecto Smartiago desenvólvese grazas a un convenio de colaboración da Liña FID (Fomento da Innovación desde a Demanda) entre o Ministerio de Ciencia e Innovación e o Concello de Santiago de Compostela e está financiado nun 80% polo Fondo Europeo de Desenvolvemento Rexional (FEDER) no marco do Programa Operativo Plurirregional de España 2014-2020. Tamén está cofinanciado pola Axencia Galega de Innovación (GAIN) nun 10%.

Compartir: